Localizan un almacén clandestino de produtos cárnicos na zona de Santiago de Compostela
- ecosdacomarca
- hace 3 días
- 2 Min. de lectura
Os produtos almacenados estaban destinados á venda a empresas de hostalería
Ecos da Comarca/Xeral
O Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil da Coruña, nunha operación conxunta co Servicio de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, localizou e interveu un almacén clandestino na zona de Santiago de Compostela de produtos cárnicos destinados á venda a empresas de hostalería na provincia da Coruña. A operación atópase en fase de explotación e resultou na investigación do seu propietario como presunto autor dun delito contra a saúde pública. A investigación iniciouse o pasado 11 de febreiro, tras ter coñecemento o SEPRONA da posible existencia dun almacén irregular de produtos alimenticios dirixidos ao sector hostaleiro.
Publicidade
Na inspección do local, realizada coa colaboración de técnicos do Servicio de Control de Riscos Ambientais, constatouse que o almacén carecía de inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos. Ademais, verificáronse graves deficiencias higiénico sanitarias, incluíndo a presenza abundante de mofo, óxido e sucidade en paredes, chans, andeis, arcóns e cámaras frigoríficas.

Os gardas civís e inspectores comprobaron que se almacenaban centos de quilogramos de alimentos e produtos cárnicos en condicións deficientes, mesturándose produtos en bo estado con outros caducados e mesmo en estado de descomposición.
Publicidade
Durante a inspección, achouse instrumental para a elaboración de etiquetas personalizadas e a manipulación de datas de consumo, o que permitiría a posibilidade de modificar ou substituír as etiquetas orixinais dos produtos adquiridos a diferentes provedores.
Ante estas graves irregularidades, os inspectores da Consellería de Sanidade procederon á inmobilización e precinto do local e dos efectos atopados. Pola súa banda, a Garda Civil procedeu o á investigación do propietario do almacén como presunto autor dun delito contra a saúde pública.
Esta actuación conxunta subliña o compromiso da Garda Civil e a Consellería de Sanidade na protección da saúde pública e a seguridade alimentaria, garantindo que os produtos que chegan aos consumidores cumpran cos estándares sanitarios esixidos.
Comments