O Concello organiza para esta fin de semana un econtro literario e o concerto da Rondalla Moraima e do Coro Voces da Terra
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa, dirixido polo concelleiro José Luís García, continúa desenvolvendo os diferentes actos da programación Primavera de Cultura. Trátase dun programa de actividades gratuítas e para todos os públicos que conta con propostas arredor do Día do Libro e das Letras Galegas.
Despois de conmemorar o Día do Libro Infantil e Xuvenil cun contacontos para público escolar na biblioteca municipal, as actividades continúan esta fin de semana coa celebración dun encontro literario e co concerto da Rondalla Moraima e do Coro Voces da Terra.
Hoxe, venres día 19, chega unha das novidades da programación coa celebración do 1º Encontro literario Arzúa Le na Capela da Madanela ás 20:00 horas. Trátase dunha mesa redonda sobre o proceso de creación literaria e publicación dunha obra. O acto, aberto ao público, será moderado polo coordinador do club de lectura municipal, José Manuel Pampín, e nel participarán a artista e tradutora Andreea Birsanu, a representante da editorial Cuarto de inverno, Andrea Jamardo, e o escritor Xosé Carlos Carracedo.
Publicidade
O sábado 20 a Casa da Cultura acollerá a partir das 20:00 horas un concerto a cargo da Rondalla Moraima de Arzúa e do Coro Voces da Terra de Vila de Cruces. Ao final do mesmo realizarase un sorteo de diversos libros entre todas as persoas asistentes.
Por outra banda, o martes 23, para celebrar o Día do Libro, porase en marcha de novo a campaña de fomento da lectura Arzúa Conta na que durante toda a xornada entregarase un agasallo con cada préstamo na biblioteca municipal ou con cada merca dun libro nas librarías locais.
Publicidade
O concelleiro de cultura, José Luís García, anima á veciñanza a participar nestas actividades pois “o fomento da lectura é un dos pilares das propostas culturais que o Departamento de Cultura artella ao longo de todo o ano”.
Comments