Lista a renovación do alumeado nos campos de fútbol de Outeiriño e A Gandareira de Silleda
- Laura Moure
- 30 oct 2022
- 2 Min. de lectura
Esta actuación suporá unha maior aforro enerxético e a mellora da visibilidade nestes recintos deportivos
Laura Moure/Silleda
Os campos de fútbol de Outeiriño, en Silleda e A Gandareira, na Bandeira, contan xa con novas luminarias de tecnoloxía LED. A empresa adxudicataria da actuación, Monte Faro Electricidade SLU, rematou nos últimos días os traballos de substitución das luminarias, que suponen un investimento de 54.571 euros.
Con esta dotación mellóranse as condicións de iluminación nestes dous estadios, cunha notable actividade diaria, ademais de conseguir un importante aforro no consumo enerxético.

Esta actuación foi realizada con fondos municipais e cos que lle corresponden ao Concello de Silleda a través do Fondo de Compensación Ambiental, unha medida compensatoria por albergar instalacións eólicas. Con esta iniciativa, ademais de mellorar a calidade lumínica dos dous campos de fútbol, moi utilizados durante todo o ano, tamén se busca lograr un maior aforro enerxético –estimando que este se reduza ao 50%- así como unha
reducción das emisións de CO2, cumprindo o previsto no Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, ao que está adherido o Concello de Silleda.
“Ademais de mellorar as deficiencias actuais nos niveis de iluminación destes dous campos, con herba sintética, con este investimento lograremos reducir custes na factura enerxética e no mantemento de ambas instalacións deportivas, cumprindo co principio de eficiencia no uso de recursos públicos”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.
Do mesmo xeito, as novas luminarias LED permitirán lograr uns niveis de iluminación equivalentes ao cumprimento das normas vixentes de iluminación de instalacións deportivas.En total foron colocadas 24 novas luminarias nos dous campos.
Tamén con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, no ano 2020 renováronse por completo os vestiarios do recinto da piscina municipal de Silleda, tamén con servizo para o campo de Outeiriño, mellorando tamén a eficiencia enerxética do recinto público, conectado a día de hoxe á Rede de Calor con Biomasa.
Deste xeito, os catro recintos para a práctica de fútbol cos que conta Silleda, teñen xa iluminación con LED, logo das actuación realizadas nos tres últimos anos nos campos de Lamela e de Laro.
Comments