top of page

Licitan a obra do Parque Central de Antas de Ulla por 1,4 millóns coa previsión de rematalo en 2022

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O prazo de presentación das ofertas por parte das empresas finalizará na primeira quincena de xaneiro


Laura Moure/Antas de Ulla

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que a Xunta de Goberno aprobou este xoves a licitación das obras para a creación do Parque Central de Galicia por case 1,4 millóns de euros, O proxecto que sae a contratación inclúe un pórtico de entrada visible dende a LU-P-0301, unha praza e un monolito situado xusto no centro xeográfico de Galicia, un templete, un edificio multiusos, un parque infantil e dúas fontes, ademais da iluminación, sinalización e mobiliario urbano.


Con estas actuacións, que teñen un prazo de execución de seis meses, cumprirase o compromiso do Presidente de ter finalizado no vindeiro ano 2022 este gran espazo público de lecer e natureza de 45.000 metros cadrados que impulsa a Deputación para poñer en valor o centro xeográfico galego, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla, segundo determinou oficialmente o Instituto Xeográfico Nacional.


José Tomé Roca lembrou que, tras adquirir as parcelas necesarias, “no mes de abril presentamos o proxecto do Parque Central de Galicia a toda a sociedade da provincia nun acto público que celebramos en Antas de Ulla, e só uns días despois comezamos xa cos traballos de acondicionamento dos terreos”. Ademais, no mes de agosto arrancaron as obras para a creación dunha zona de estacionamento e a mellora viaria do acceso ao Parque, que teñen un orzamento de 250.000 euros e que continúan a día de hoxe.

A zona de estacionamento.

“Hoxe damos un paso máis, moi importante”, subliñou o presidente, coa licitación dun proxecto que inclúe diversas actuacións. O Parque Central de Galicia contará cun pórtico de entrada visible dende a estrada provincial LU-0301. No lugar no que se sitúa o centro xeográfico construirase unha praza na que se levantará un monolito colocado xusto nas coordenadas que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega segundo o Instituto Xeográfico Nacional. Ao lado dereito do monolito, construirase un templete, unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre. Ao lado esquerdo do monolito, levantarase un edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para o desenvolvemento de accións formativas, actividades culturais ou medioambientais e reunións, entre outras.


Pensando en crear un espazo de ocio para as familias, escolares e a organización de actividades, construirase un parque infantil que incluirá diferentes zonas de xogo adaptadas a todas as idades. Tamén está contemplada a instalación de dúas fontes que contarán con auga apta para o consumo humano, a iluminación do conxunto do Parque Central, a sinalización e a colocación dunha serie de mobiliario, como papeleiras de madeira e bancos para poñer a disposición dos veciños e dos visitantes.

O prazo de presentación das ofertas por parte das empresas rematará na primeira quincena de xaneiro.

O presidente subliñou que o proxecto do Parque Central de Galicia, “é unha iniciativa que fai provincia e que supoñerá un impulso moi importante para a promoción do noso territorio dentro e fóra de Galicia, e polo tanto para a economía e o emprego pola súa capacidade de atracción turística, o que representa tamén unha aposta polo reequilibrio territorial e por fixar poboación no rural”.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page