top of page

"Levo seis anos en Scene Ballet, medrando cas alumnas, facendo que medren na danza e na súa emoción"

"Para min a danza é unha forma de vida, de expresión, de liberación, de sanación, unha forma de conectar con outras artes, de entrelazar arte"


ENTREVISTA A ARIADNA VÁZQUEZ, VECIÑA DE MONTERROSO E DOCENTE DE DANZA

Ariadna Vázquez. Autora: Chus Varela

Laura Moure/Ulloa/Deza

Hoxe queremos afondar nunha das artes que máis expresa a través do movemento. Falamos da danza. E para iso conversamos cunha veciña das comarcas que a practica e a ensina dende o corazón. Falamos de Ariadna Vázquez, veciña de Monterroso e docente na escola Scene Ballet de Lalín.


1. En poucas palabras, como definirías que é a danza para ti?

Para min a danza é unha forma de vida, de expresión, de liberación, de sanación, unha forma de conectar con outras artes, de entrelazar arte. A través dela relaciónaste contigo mesma e cas demais persoas, creas vínculos fortes. É un corpo como canal de emoción, de enerxía en movemento. É un todo.


2. Como se consegue transmitir a través do movemento do corpo unha mensaxe?

Diría que a clave é sentir. Sentir iso que ti queres transmitir. Fas túa a emoción e trasládala ó corpo, creando movementos que sexan ese sentir, dende dentro, dende o real, cara fóra.


3. E como se logra sentir iso?

Aínda que poda custar sentir é unha barreira que hai que traspasar. Así evolucionamos como ser sentinte que somos. Non perder o sentir por mil repeticións dos movementos, ensaio tras ensaio. Senón bailar dende a emoción, mover o corpo dende o sentir. Cando tes isto conectado xurde a maxia.


4. Desta maneira, expresades mensaxes como as que fixo chegar ao público o teu alumnado de Scene Ballet polo 25N. Como levas a docencia nesta escola de danza de Lalín?

Pois levo seis anos na escola Scene Ballet. Medrando cas alumnas, facendo que elas medren na danza e na súa emoción. Elas responden tan ben que é unha gozada como evolucionan, cada unha dentro das súas limitacións, superándoas, dende elas, sen comparacións, con esforzo e amor pola danza. Moi agradecida de vivilo con elas, ilusionada por crear con Scene Ballet.

Vázquez onda o Consistorio de Lalín. Autora: Carla Vanlu

5. Que é o que máis lle intentas ensinar aos teus bailaríns?

Para min a danza tamén é unha forma de “educación”. Intento transmitir valores dende o movemento, as músicas, as palabras, os actos na aula... cada detalle é importante. Falamos do que con leva actos nos que participamos como o 25N. Experimentando a conciencia corporal, a comunicación non verbal con elas mesmas e o entorno, como se

relacionan e como se expresan. Dende o cariño e a comprensión.


6. Cada vez hai máis xente nova que aposta pola danza, podemos velo coas dúas escolas magníficas que hai na capital de Deza. A que se debe?

Diría que é unha necesidade que temos. Necesidade de mover o corpo e tamén a emoción. E a danza é o combo perfecto para ambas. Tamén é unha forma de relacionarnos, como mencionaba antes, para relacionarnos con nós e cas demais persoas. Créanse amizades moi fortes, apréndese a vivir en comunidade.


7. E a que se debe a cantidade de éxitos que xa coleccionades en Scene Ballet?

Principalmente polo alumnado. Tamén o equipo directivo e o profesorado. Sen a xuntanza de todas estas pezas non se da creado o puzzle. Scene Ballet leva 18 anos de traxectoria. Moitas vivenzas, moitas actuacións, diversos profesionais de docentes... moita danza.


"A danza segue sendo a arte menos recoñecida. Segue habendo estereotipos, séguese levando ó feminino".

8. Consideras que a danza é unha arte que a día de hoxe é aprezada pola sociedade en xeral ou precísase maior recoñecemento?

Dende o meu punto de vista, a danza segue sendo a arte menos recoñecida. Segue habendo estereotipos, séguese levando ó feminino. Seguen os teatros a medio encher.


9. E falando de danza, temos que falar doutro dos teus proxectos, marabilloso tamén. Cali Danza. Que supón para ti formar parte desta iniciativa?

Supón un gran agasallo. Abríuseme un mundo de posibilidades, de conexión, unha nova forma de traballo corporal, de sensibilidade. Sentir o corpo dunha forma máis minuciosa, real, intensa, intuitiva. Un lugar no que ser eu, con todo o que son e non son. Unha nova forma de compañía para min, de formación e expansión.

10. En que consiste este tipo de danza?

Eu vivo Cali como unha forma diferente de danzar. Máis profunda, en unión ca emoción, en unión conmigo e con todas as integrantes da compañía. Cali é unha metodoloxía de traballo, para todo tipo de persoas e corpos. É expansión de sentir, de movementos, de transmitir. É saír da terra, como se fósemos flores. É paixón polo real. Con Cali mostramos, non demostramos. Cali é danza consciente.


11. Como está sendo a acollida por parte do público?

Ó publico chegoulle a esencia de Cali. Queren máis, queren danzar con nós. Quedaron impactados, sentiron con nós. Ás persoas que aínda non tiveron a oportunidade de vernos están desexando degustar da nosa arte. A acollida é un gran abrazo.


12. Tes algún outro proxecto de futuro?

Si, sempre ando argallando cousiñas. A arte como forma de retroalimentación. Agora ando cun proxecto persoal que se está iniciado, relacionado con Lalín... pronto poderedes degustalo en directo.



0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page