A concentración terá lugar na praza diante do Consistorio ás 20:30 horas
Laura Moure/Vila de Cruces
Levedar Colectivo Feminista convoca, unha vez máis, a todas as mulleres do concello de Vila de Cruces "para mobilizarnos polos nosos dereitos!". A concentración do mércores 8 de marzo terá lugar na praza diante do Concello de Vila de Cruces, ás 20:30 horas.

"Cada acción é importante e cremos necesaria esta convocatoria para facer ver que Vila de Cruces será feminista ou non será. Queremos igualdade de dereitos. Queremos pasear polas rúas tranquilas sen ter que soportar que ninguén nos incomode coas súas palabras e miradas ao pasar, polo simple feito de ser muller. Queremos os mesmos dereitos na sanidade e nos nosos postos de traballo. Queremos trato igualitario. Queremos sentírmonos apoiadas as unhas nas outras para facermos o camiño máis fácil", recalca o colectivo. "Nas Cruces xa temos demostrado que coa forza comunitaria podemos conseguir cousas moi importantes. Por exemplo, coa posta en marcha do Grupo de Apoio Mutuo, en plena pandemia, conseguimos unirnos moitas persoas, moi diversas, para facermos cerca de 9.000 mascarillas. Unimos folgos para conseguir material, distribuílo, confeccionar as mascarillas e redistribuilas. Todo iso co único fin do ben común!", subliña.
"Queda logo demostrado que a comunidade é forza e é poder na loita! Seguimos na loita diaria por acadar a igualdade de dereitos sociais! Chamamos á mobilización e unímonos á Marcha Mundial das Mulleres e ás convocatorias ao longo da xeografía galega para tinguirmos de lila o país", recalca o colectivo cruceño.
Comments