O Consello da Xunta aprobou este xoves a renovación do convenio de colaboración entre a Xunta e as dioceses galegas para contribuír a pequenas actuacións de conservación en mantemento dunha ducia de igrexas parroquias
Laura Moure//Agolada/Palas de Rei
O Consello da Xunta aprobou este xoves a renovación do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e as dioceses galegas para contribuír a pequenas actuacións de conservación en mantemento dunha ducia de igrexas parroquias da súa titularidade que forman parte do patrimonio cultural de Galicia. Entre estas figura unha de Agolada e outra de Palas de Rei.
Publicidade
Trátase dun acordo que este ano se incrementa un 40 % ata chegar aos 350.000 euros para realizar intervencións de protección, conservación e rehabilitación nestes bens patrimoniais ao longo do ano.
Deste xeito, a Diocese de Lugo recibirá unha achega de 86.100€, o que supón o 26,6 % do total, mentres que a de Santiago contará con 75.250€ (o 21,5 %), a de Ourense 66.150 (18,9 %), a de Mondoñedo-Ferrol 55.300€ (o 15,8 %), a de Tui-Vigo 44.450€ (o 12,7 %), e a de Astorga 22.750€ (o 6,5 %).

Así, ao abeiro deste convenio, na diocese de Lugo intervirase nas igrexas de San Pedro de Merlín, na Agolada; na de Santa María de Marzá, en Palas de Rei; na de San Salvador de Figueiroá, en Sober, e na de Santa María de Montán, en Samos. No caso das tres primeiras, a actuación está dirixida a reparar a cuberta, mentres que na última levaranse a cabo obras tanto no exterior como no interior do templo.
Publicidade
Na Arquidiocese de Santiago, pola súa banda, o orzamento destinarase a realizar obras de mantemento e reparación na capela do sanatorio de Labaca, na Coruña, e a actuacións de conservación e mantemento na igrexa de San Pedro, en Outes. En Ourense está previsto cambiar a cuberta e actuar nas carpintarías das igrexas de San Vicenzo de Lobás, en Calvos de Randín; de Santa María de Feces de Cima, en Verín, e de Santa María de Louredo, en Maside.
A achega para a Diocese de Mondoñedo-Ferrol destinarase integramente a renovar a cuberta e o pórtico da igrexa de San Miguel de Regueira, no concello de Xove, mentres que no caso da de Tui-Vigo o orzamento servirá para realizar obras de consolidación da cuberta da capela do templo parroquial de San Paio de Alxén, en Salvaterra de Miño. Por último, a Diocese de Astorga dedicará a achega a actuacións de consolidación estrutural e acondicionamento da igrexa de Soutipedre, en Manzaneda.
Publicidade
Colaboración estable
O convenio renovado hoxe polo Consello da Xunta forma parte do compromiso do Goberno galego coa conservación do patrimonio cultural de todo o territorio e enmárcase na colaboración estable que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades mantén coas dioceses galegas para a posta en valor dos seus bens máis senlleiros. Así se reflicte no incremento do 7 % nas contas destinadas a ampliar o alcance do traballo feito nos últimos anos e a seguir coidando, preservando e mantendo a riqueza cultural de Galicia nas mellores condicións.
Comments