top of page

Leticia López, investigadora e divulgadora da música tradicional galega, (in) VISIBLE de maio en Silleda

Nada en Escuadro, onde iniciou o seu percorrido no mundo da música, é pandereteira do grupo Cantigas e Agarimos


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de nomear como (in)VISIBLE do mes de maio, a Leticia López Rey, nacida en 1993 e orixinaria de Escuadro, pola súa labor na conservación e difusión da música tradicional galega. Afincada na actualidade en Santiago de Compostela, iniciou o seu percorrido no mundo da música case por azar, ao incorporarse con 14 anos ao grupo O Son da Fervenza na súa parroquia natal de Escuadro.


Porén, a súa relación coa música viña de moito antes, enraizada fondamente no ámbito familiar. Foi a súa avoa, Josefa Méndez López, quen lle abriu as portas a este universo sonoro. Josefa aprendera a tocar a pandeireta de nova nas ruadas de Xestoso, xuntanzas que tiñan lugar nos meses máis fríos onde bailaban e cantaban ao son da pandeireta.

Dende que Leticia era pequena, a súa avoa transmitiulle este legado a través das cantigas herdadas de xeración en xeración. Como Josefa xa dominaba a pandeireta, deicidiu que sería boa idea iniciar á súa neta neste instrumento. Foi ensinándolle pouco a pouco na casa e cando os veciños de Escuadro decidiron comezar un grupo, animouna a participar.

“A partir dese intre, xa non volvín soltar a pandeireta da man”, afirma. Ao longo da súa traxectoria, formou parte doutras agrupacións como Pau de Buxo, Fortín da Pomba e as Ruadeiras de Loimil, onde daría os seus primeiros pasos con diferentes instrumentos.


No 2013, movida pola curiosidade e o desexo de comprender máis a fondo as orixes das cantigas que aprendía nas clases, comezou a investigar. Quería coñecer de primeira man de onde procedían esas pezas e cal era o seu contexto orixinal. A partir do 2014, xunto con Miguel Barbazán Lesta e Alejandro Martínez Míguez, comezou un traballo de recopilación de tradicións orais e musicais, moitas delas en risco de desaparecer. “O patrimonio inmaterial, especialmente aquel que habita só na memoria das persoas maiores, é o máis fráxil e efémero”, sinala Leticia.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Esta labor de recopilación segue na actualidade, centrando os seus esforzos en documentar cantigas, bailes e outras expresións culturais que forman parte do legado colectivo do país, mais que xa non teñen presenza nas prácticas cotiás actuais.


Coa fin de ampliar os seus coñecementos e interpretar con maior rigor os testemuños das informantes, Leticia decidiu iniciar o grao en Historia no ano 2021. A pesar de cursalo aos poucos, considera esta formación esencial para comprender mellor o valor das tradicións que recolle.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Na actualidade, combina a súa labor de investigación coa docencia, actuando como ponte entre as xeracións maiores e o alumnado interesado en aprender a tocar a pandeireta e a cantar ao xeito tradicional. A súa actividade contribúe a manter viva a cultura oral galega a través da transmisión activa e do respecto polas formas orixinais. Ademais, forma parte da sección oficial de pandereteiras da agrupación Cantigas e Agarimos.


Dende o Concello de Silleda destácase a gran contribución de Leticia López na preservación e divulgación da música tradicional galega, protagonista neste mes de maio, ao adicarse o día das Letras Galegas á figura das cantareiras. Esta docente e divulgadora súmase así ao listado de mulleres do programa promovido polo departamento municipal de Igualdade dende 2024, para poñer en valor cada mes o traballo e traxectoria de mulleres en distintos eidos.


Así, destácase tamén a súa colaboración na programación das letras do Concello para este mes, cun photocall no que pode descargarse a través do código QR, parte do traballo de Leticia, en concreto as coplas recollidas e editadas da súa avoa, Josefa Méndez e de Nieves Vidal, veciña de Laro. O photocall estará presente en todas as actividades culturais deste mes.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page