En ambas instalacións municipais leváronse a cabo melloras
Laura Moure/Monterroso/Antas
Este mércores, o secretario Xeral de Deportes, José Ramón Lete Nasa, acompañado pola alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas, e os tenentes de alcaldesa Eloy Pérez e Luís Mariño, supervisou a reforma do vestiario e rexeneración de céspede no recinto deportivo do campo de fútbol municipal de Cerdeiriños.

O obxecto da actuación foi a rexeneración da superficie de céspede e mellora no drenaxe.
Ademais, interveuse nos vestiarios coa demolición de carpinterías interiores, parte dos tabiques que pechan os inodoros así como instalación de novos cerramentos, portas, aparatos sanitarios e a substitución das luminarias existentes e mecanismos, pintado das superficies do teito e dotación de novo equipamento mobiliario. No exterior substituíronse as portas.
Cómpre salientar que a SD Monterroso conta con equipos en todas as categorías de idade polo que gran parte da poboación do municipio vese beneficiada polos arranxos no campo. O importe total da actuación foi de preto de 45.000 euros (44.727,76 euros) cunha achega da Secretaría Xeral para o Deporte do 70% (31.063,12 euros) e o restante 30% achegado polo concello (13.664,64 euros).
Lete Lasa tamén se desprazou ao concello de Antas de Ulla para visitar, acompañado do alcalde, Javier Varela, a pista de pádel situada detrás da nave de Vilane e que supón unha gran atracción deportiva para os cidadáns e cidadás do municipio lucense, repercutindo nun estilo de vida saudable.
A nova instalación deportiva contou cun orzamento global do redor de 30.000 euros (30.608,50 euros), sendo achegados pola Secretaría Xeral para o Deporte o 80% (24.200 euros) e o restante 20% polo concello (6.408,50 euros). Para poder facer uso da pista de pádel poden recollerse as chaves ou reservar praza de xeito presencial no Bar Ulloa.
Comments