130 entidades de 42 concellos da provincia teñen asegurada xa unha actividade, coa mobilización de 3.000 persoas e utras 120 pasan a formar parte da lista de agarda
Laura Moure/Deza
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres de que a Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar a relación de entidades admitidas no programa "Provincia Activa". Trátase dunha iniciativa, tal e como explicou López, "dotada con preto de 150.000 euros para promover actividades que xeren espazos de encontro e intercambio para as persoas maiores" e na que participarán ata un total de "250 entidades das que 130 teñen xa un obradoiro adxudicado e as 120 restantes quedan na lista de agarda".
O presidente provincial remarcou que desde a institución provincial "cremos na necesidade de romper fendas e de non deixar a ninguén atrás ata que consigamos que os nosos veciños teñan a mellor calidade de vida". Neste eido deu conta do éxito do programa, no que este ano a Deputación "tivo un total de 263 solicitudes, 24 máis que o ano pasado". Tendo en conta unicamente as 130 entidades que xa teñen asegurada a súa participación, "teremos unha mobilización de 3.000 persoas maiores de 50 anos" de 42 concellos da provincia: Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas do Morrazo, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Lalín, Meaño, Moaña, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Publicidade
Os obradoiros, xestionados pola empresa Xestión Cultural Áurea, están englobados en seis áreas: 'Benestar natural', 'Saúde en movemento', 'Emociónate', 'Outra vida', 'Con ritmo!' e 'Redeir@s'. As actividades máis demandadas foron as de ximnasia de mantemento, bailes de salón e un obradoiro para a estimulación da memoria.
Comments