Laura Moure/Lalín
Comezou a funcionar, no local do Lalín Arena (que antes ocupaba Cruz Vermella) cedido de xeito gratuíto polo Concello á asociación Sarela, o punto de información municipal sobre o dano cerebral adquirido, a través do que se ofrecen actividades, información e asesoramento á veciñanza lalinense que padece este tipo de discapacidade.
Así o sinala a tenente alcalde e concelleira de Política Social, Paz Pérez, que indica que “esta prestación gratuíta que permite reforzar atención específica á poboación lalinense se enmarca no convenio que vimos de asinar entre a asociación Sarela e o Concello hai uns días, momento no que xa indicabamos que esta atención se comezaría a prestar neste mes de setembro como así se vén de poñer en marcha”. Paz Pérez remarca que “o servizo ofrecerase un día ao mes, o último mércores de cada mes, en horario de 10:30 a 13:30 horas e estará atendido pola traballadora social de Sarela Laura Segade”. “Tamén dende o Concello se lle ofrecerá colaboración do persoal técnico municipal a Sarela no desenvolvemento dos programas en caso de estimarse necesario”, indica. “As persoas interesadas en pedir cita neste servizo totalmente gratuíto deberán poñerse en contacto cos servizos sociais municipais (986 78 40 04) ou ben chamar directamente á asociación Sarela no 981 577 037”, informa. A responsable municipal fai fincapé en que así mesmo, e ao abeiro deste acordo sen contraprestación económica por ambas partes, Sarela realizará con carácter gratuíto actividades de sensibilización con escolares dentro do seu ámbito de actuación para fomentar unha educación inclusiva. Neste sentido é de destacar que o ámbito escolar é xunto ao familiar o primeiro espazo de aprendizaxe e crecemento social dos nenos e nenas. Por iso é importante achegar propostas educativas neste sentido e así Sarela desenvolverá actividades de sensibilización a fin de concienciar a poboación, en especial, aos/ás menores de Primaria e Secundaria coa finalidade de achegar propostas educativas que contribúan ao desenvolvemento do ser humano desde o fomento de valores como a empatía, a solidariedade, a tolerancia ou a aceptación de diferenzas individuais. En Galicia hai uns 35.000 doentes
A Asociación de Dano Cerebral Sarela é unha entidade sen ánimo de lucro, creada no 2000 e referente na área sanitaria de Compostela, formada por persoas con dano cerebral adquirido, familiares e persoas socias colaboradoras co obxectivo xeral de mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e a das súas familias. Aproximadamente estímase que en Galicia está afectadas por esta discapacidade unhas 35.000 persoas. É de destacar que proximamente o Concello de Lalín, en colaboración sociosanitaria das Concellerías de Política Social e Sanidade, ten previsto asinar varios convenios de colaboración con entidades do terceiro sector cos que atenderá a demandas específicas da poboación lalinense.
Comments