Lalín inaugurará o día 2 as súas seis aldeas de Nadal que este ano inclúen 41 casiñas
- Laura Moure

- 28 nov 2022
- 2 Min. de lectura
Poderanse visitar ata o 9 de xaneiro de 11 a 14 e de 16 a 21 horas e contarán con actividades de animación todos os días
Laura Moure/Lalín
As Aldeas de Nadal de Lalín continúan medrando neste xa seu cuarto ano de vida e continuarán contribuíndo a achegar moitas familias a Lalín, tal e como sinala o Concello. Este ano haberá 41 casiñas, 15 máis que o ano pasado, que estarán distribuídas en 6 Aldeas (Aldea de Papá Noel, Aldea do Apalpador, Aldea dos Reis Magos, Aldea da Música, Aldea dos Trasnos e Aldea das Estrelas).

Inauguraranse o 2 de decembro ás 20:30 horas na Praza da Igrexa, despois de que o acendido da iluminación de Nadal se prendese o 25 de novembro coincidindo co Black Friday. As Aldeas, que este ano estrean cartel de Olalla Garra, poderanse visitar ata o 9 de xaneiro e contarán con actividades de animación todos os días. Estarán abertas en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 21 horas. Todos estes detalles xunto con outras novidades como, por exemplo, que haberá un posto ‘gastro’ (varios locais hostaleiros ofrecerán os seus produtos nunha casiña da Praza da Igrexa) ou que contarán cun punto solidario, instalado no baixo da casa de don Álvaro, no que asociacións sen ánimo de lucro poderán expoñer os seus produtos ou ben dar información dos seus traballos e que está aberto á participación das entidades altruístas que o desexen, ademais de que repite o tren turístico, foron explicados nunha rolda de prensa ofrecida polo alcalde, José Crespo, pola concelleira de Comercio, Karen Fernández, na que tamén participaron a edil de Cultura, Begoña Blanco, e o director artístico das Aldeas, “Luchi” Iglesias.
As Aldeas de Nadal de Lalín son a día de hoxe o único parque temático de Nadal en Galicia. As casiñas, todas realizadas por artesáns locais, están feitas todas de madeira e con materiais reciclables para ser usadas en vindeiras edicións, evitando ademais xerar residuos. "Con este proxecto identitario búscase converter Lalín nun referente turístico familiar, de xeito que siga atraendo milleiros de familias ao noso pobo para ver as Aldeas de Nadal, e que tamén sirvan de reclamo nesta época do ano para o noso comercio e hostalería aproveitando a fortaleza que supón a nosa internacional Feira do Cocido".







Comentarios