Durará nove meses e centrarase en Traballos de Carpintaría e Moble e Actividades Auxiliares e Conservación e Mellora de Montes con prácticas no Paseo de Pontiñas
Laura Moure/Lalín
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou o “forte impulso” que está a dar o Goberno galego a prol da formación, a inserción laboral e a creación de emprego no municipio de Lalín durante o acto de inauguración, celebrado este martes, do obradoiro de emprego dual Sendas. “Temos un forte compromiso co emprego e queremos que todo o mundo teña oportunidades para facerse cun traballo, polo que xa temos en marcha dous obradoiros en Lalín para formar a 36 persoas mellorando a súa empregabilidade e facilitando o seu acceso ao mercado laboral”, explicou o representante autonómico, en referenza a esta iniciativa laboral dual e ao obradoiro xuvenil Lalinnova que comezou hai algunhas semanas.
“Lalín é un concello emprendedor, forte no eido económico, cunha poboación con
inquedanzas que cre no traballo e quere traballar, pero a nosa aposta polo emprego é máis ampla e abrangue a toda esta zona do interior, xa que agora mesmo temos en marcha actividades formativas para 417 persoas de Deza e Tabeirós a través de catro obradoiros e 23 cursos AFD cun investimento de 2,6 millóns de euros”, detallou Luis López.
O delegado territorial explicou a política formativo-laboral da Xunta para a zona durante o acto de inauguración do obradoiro de emprego Sendas, que se celebrou no salón de actos do edificio da Uned no parque empresarial Lalín 2000 e que tamén contou coa presenza da tenente de alcalde, Paz Pérez, o concelleiro de Emprego, Avelino Souto, o equipo docente e o alumnado.
Un investimento de 347.000 euros
O obradoiro de emprego Sendas, que conta cun investimento de 347.000 euros da Consellería de Emprego e Igualdade, vai formar a vinte persoas desempregadas durante
os vindeiros nove meses nos módulos de Traballos de Carpintaría e Moble e Actividades
Auxiliares e Conservación e Mellora de Montes. Esta iniciativa laboral toma o testemuño das tres edicións anteriores de Lalín Foresta, cuxa clausura tivo lugar o pasado mes de setembro, e incluirá formación teórica e traballos prácticos orientados á conservación, mantemento e mellora do Paseo do Pontiñas. Ademais, e dado o seu formato dual, os participantes poderán efectuar prácticas en empresas da zona ao remate da súa formación.
Luis López agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio
mellorando a súa experiencia para outorgarse máis oportunidades no mercado en dous
sectores que cada vez teñen máis demanda” e amosouse convencido de que
“aproveitarán esta oportunidade ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser
fundamentais para o seu futuro”.
“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía e ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que disporán de máis oportunidades para atopar un
emprego”, concluíu o delegado territorial.
Comments