O sábado 24 de xullo terán lugar pasarrúas dos Cabezudos de Laxeiro
Laura Moure/Lalín
O Concello de Lalín renderá o próximo 21 de xullo homenaxe a Laxeiro, ilustre lalinense e “Fillo Predilecto” no 25 aniversario do seu pasamento cunha serie de actos, aos que están convidados todos os veciños que desexen asistir ata completar aforo, e que se desenvolverán a partir do mediodía en dous escenarios, no Museo Municipal Ramón Mª Aller e no cemiterio da Romea e no panteón de Laxeiro situado no cemiterio de “A Romea”. Uns actos “nos que levamos traballando máis dun mes”, tal como avanzou o alcalde, José Crespo, a finais de xuño.
Os ditos actos, aos que están convidados os membros da Corporación; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade; o presidente do Parlamento; representantes da Fundación Laxeiro como o director xeral e neto do artista; da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA); da Deputación; familiares do pintor; alcaldes da comarca, ademais de artistas e amigos de Laxeiro, iniciaranse ás 12:00 horas no Museo Municipal cunha exposición composta por unha selección das obras que o pintor universal doou ao Concello de Lalín e tamén coa presentación dos Cabezudos de Laxeiro, figuras inspiradas no cadro A familia da Romea e realizadas para o Concello de Lalín polo artista lalinense Luchi Iglesias.
Abriranse estes actos no museo cunha peza interpretada polo gaiteiro, Plácido Rozas. De seguido a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, presentará o acto de homenaxe a Laxeiro sendo despois Luchi Iglesias, o que explique o proceso creativo das pezas dos Cabezudos. Contémplase quendas de intervención tamén para Antón Castro (historiador e crítico de arte, autor, entre outros, do libro Laxeiro, a invención dun mundo), que falará da traxectoria artística de Laxeiro e para Antón Lazamares (no caso de que poida asistir).
A homenaxe a Laxeiro proseguirá no cemiterio de “A Romea” onde se atopa o panteón do pintor universal e onde se realizará unha ofrenda floral. Aquí será o alcalde de Lalín, José Crespo, quen interveña para abrir o acto que proseguirá cunha ofrenda floral ao pé do panteón de Laxeiro mentres soa a Muiñeira de Laxeiro, composta e interpretada por Plácido Rozas, en recordo a José Otero Abeledo.
A continuación o escritor, poeta e filólogo, Luís González Tosar, recitará un poema en homenaxe a Laxeiro, ao que seguirán a quenda de intervencións institucionais na que se contará co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade. Os actos rematarán con concerto da Banda de Lalín baixo o título Ensemble Laxeiro, baixo a batuta de David Fiuza.
A programación do Concello de Lalín en homenaxe a Laxeiro continuará o sábado día 24 de xullo con dous pasarrúas teatralizados a cargo dos Cabezudos de Laxeiro que desfilarán por distintos espazos do casco urbano lalinense acompañados de A Carballeira de Cercio. Será en horario de 13 a 14 horas e de 19 a 20 horas.
É de destacar que esta efeméride do 25 cabodano de Laxeiro se celebra nun contexto no que a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) vén de comunicar a súa decisión de que dedicará ao xenial pintor o Día das Artes Galegas 2022. Unha decisión unánime feita pública o 28 de xuño cando a RAGBA decidiu por aclamación homenaxear ao longo de 2022 e en especial o Día da Artes Galegas, 1 de abril, a José Otero Abeledo. Nese momento o alcalde indicaba que o Concello levaba xa tempo preparando o acto do 25 cabodano de Laxeiro, pintor de Lalín, como firmaba as súas obras e un dos artistas plásticos máis representativos que ten dado Galicia. Tamén este ano se celebrará a XV Bienal Internacional “Pintor Laxeiro”.

En 1968 créase a colección Laxeiro en Lalín coas 33 obras doadas polo artista ao Concello: “esos trinta e tres debuxos son trinta e tres momentos da miña vida como pintor” indicou Laxeiro no momento da inauguración desta colección na antiga biblioteca municipal. Cómpre destacar que Laxeiro é, entre outras distincións, “Fillo Predilecto” de Lalín desde outubro de 1976 e recibiu a “Folla de Carballo” do Concello no 1986. Ofreceu o pregón da Feira do Cocido no 1976, ademais de ser o cartelista nos anos 1975, 1993 e 2018 (50 aniversario da Feira).
En maio de 1987 déuselle un nome a unha rúa no seu honor; desde 1989 un dos institutos lalinenses leva o seu nome e en 1993 comezouse a organizar a Bienal Internacional “Pintor Laxeiro”. Ao longo dos últimos 25 anos foron varias as homenaxes e lembranzas que se foron realizando en torno á figura de José Otero Abeledo en Lalín, entre as que cómpre destacar os actos do centenario do seu nacemento organizados en 2008 polo Concello coa participación de destacadas personalidades do ámbito cultural galego e a presenza do ministro de Cultura, entre outras autoridades e figuras relevantes do mundo artístico.
Os Cabezudos de Laxeiro Os Cabezudos de Laxeiro, inspirados no cadro A familia da Romea estrearanse o vindeiro día 21 de xullo. Como se sinalou, son pezas realizadas por Luchi Iglesias para o Concello de Lalín coas que dar vida a figuras tan icónicas e ligadas á cultura popular coma estas. Para a súa confección, o artista comezou a facer esbozos e debuxos sobre cada un dos personaxes tendo moi en conta a personalidade e a escala de cada un para crear un conxunto que recolla a esencia do dito cadro. A continuación modelou en miniatura os Cabezudos e partindo desas figuras fixo unha reprodución en barro xa na escala real. Unha das maiores dificultades durante o proceso foi interpretar a esencia dos personaxes que se ven no lenzo e pasalos a volume.
Unha vez modelados en barro a escala, o artista fixo un molde de escaiola, colocando capas de cartón e cola ata alcanzar a dureza necesaria e unha vez seco sacouno do molde para rematar a superficie que quedou lista para policromar. Na vestimenta inspirouse nos retratos da época sobre todo en cadros de Goya, Rubens ou Velázquez
Comentarios