Lalín e Agolada únense para pedir ao Goberno de España a conexión por autovía de Lalín- Agolada-Melide
- ecosdacomarca
- 19 mar
- 2 Min. de lectura
Ambos alcaldes consideran que sería unha medida favorecedora das comunicacións varias en Agolada, en Deza e na Galicia interior
Ecos da Comarca/Deza
Os rexedores de Lalín e Agolada mantiveron o pasado luns, día 17, unha xuntanza que serviu como primeira toma de contacto para establecer unha posición común co obxectivo último de conseguir unha conexión por autovía Lalín- Agolada- Melide. Nesta xuntanza constructiva, compartíronse propostas moi interesantes para mellorar as conexións de ambas vilas con cidades galegas coma A Coruña, Lugo e Santiago, reducindo distancias e reducindo tamén o despoboamento do rural.

José Crespo, alcalde de Lalín e Luís Calvo Miguélez, alcalde de Agolada compartiron nesta reunión a necesidade existente de cadenseu municipio dos beneficios e do impacto positivo que tería a construción dun vial de unión da autovía A-54, a través dun ramal que saia de Agolada e que enlace con Melide e coa autovía Lugo-Santiago. Este enlace sería moi favorecedor para ambos concellos, pero tamén para todos os situados no interior de Galicia, xa que facilitaría as comunicacións coa cidade de Lugo, co aeroporto de Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), coa cidade de A Coruña e incluso coa autovía do Cantábrico, que é a nosa conexión coa Meseta.
Publicidade
Ambos alcaldes consideran que se trata dun investimento moi razoable, xa que a distancia entre Agolada e Melide é curta, polo que se resolvería facilmente. Ademais, este ramal de unión de Agolada-Melide por autovía contribuirá a vertebrar unha área importante do interior de Galicia, como son as comarcas de Deza, de Terras de Melide e Arzúa.
Finalmente, estas melloras nas comunicacións supoñen unha mellora no desenvolvemento empresarial, xa que é unha conexión ideal para as empresas instaladas en Agolada e outras vilas de interior, mellorando a súa competitividade e as súas posibilidades de crecemento.
Comments