Esta iniciativa contará cun investimento de 350.000 euros
Laura Moure/Lalín
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a Consellería de Emprego e Igualdade vén de conceder un novo obradoiro de emprego de formato dual ao Concello de Lalín para formar a unha vintena de desempregados cun investimento de case 350.000 euros.
O representante autonómico informou desta resolución no acto de clausura da iniciativa laboral autonómica Lalín Foresta III, que se celebrou no hall da casa consistorial e no que estivo acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, e doutros representes municipais. “Temos un compromiso decidido co emprego, que é a gran prioridade do Goberno galego xunto coa sanidade e a educación, e tamén co Concello de Lalín, que é un dos motores económicos da provincia, polo que, á par que clausuramos este obradoiro dual, xa anunciamos que o vindeiro mes comezará un novo para dar resposta ás necesidades da cidadanía”, manifestou o delegado territorial.
O novo obradoiro de emprego dual, que se presenta baixo a denominación Lalín Sendas, comezará agora o seu proceso de selección para arrancar coas súas actividades formativas e de fomento da empregabilidade no vindeiro mes de outubro e terá unha duración de nove meses, coa posibilidade de que os participantes fagan prácticas en empresas da contorna ao seu remate.
Esta iniciativa laboral contará cos módulos de Traballos de Carpintaría e Moble e Actividades Auxiliares e Conservación e Mellora de Montes, que disporán de dez alumnos-traballadores cada un, e centrarase nas tarefas de mantemento do Paseo do Río Pontiñas. Está previsto que se realicen traballos de reposición e mellora dos valados e dos muros e tamén actuacións de conservación e coidado da biodiversidade sobre as árbores, a flora e a vexetación.
“Coa concesión deste novo obradoiro dual dámoslle continuidade ás actividades formativas e de fomento da inserción laboral no Concello de Lalín, xa que hai apenas un mes activamos, tamén co financiamento da Xunta, un obradoiro de garantía xuvenil con 16 prazas, polo que durante o vindeiro ano prepararemos a 36 persoas desempregadas da capital dezá cun investimento de 720.000 euros”, detallou Luis López, en referencia á iniciativa Lalinnova, que xa está en marcha con participantes de ata 30 anos de idade nos módulos de Sistemas Microinformáticos e Actividades Físicas, Deportivas e Recreativas.
Clasura do taller
Polo demais, no acto de clausura oficial do obradoiro de emprego dual Lalín Foresta III, Luis López, acompañado do rexedor local e doutros representantes municipais, procedeu á entrega dos diplomas acreditativos. No mesmo, trasladou, en nome da Xunta, os parabéns aos vinte alumnos-traballadores “por aproveitar estes nove meses de formación, por mellorar a vosa empregabilidade en oficios cunha boa saída laboral na contorna do Deza, por obter unha remuneración nestes difíciles meses de pandemia e por contribuír ao beneficio social cos servizos e infraestruturas públicos que se prestaron ao abeiro do plan formativo”.
댓글