Representantes do Concello de Lalín, de FEGADACE e do Centro ETP presentaron a II Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando Polo Dano Cerebral’, así como o ciclo ‘Coñecendo o dano cerebral adquirido en Lalín’
Laura Moure/Lalín
Representantes do Concello de Lalín, de FEGADACE e do Centro ETP presentaron este mércores en Lalín a II Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando Polo Dano Cerebral’, así como o ciclo ‘Coñecendo o dano cerebral adquirido en Lalín’. Todas estas actividades enmárcanse no convenio de colaboración que une á Federación Galega de Dano Cerebral coa capital de Deza para a realización de actividades de sensibilización e prevención desta discapacidade.
O acto comezou co saúdo do concelleiro de Deportes en funcións, Avelino Souto Rozados,
agradecendo a organización desta proba deportiva solidaria no seu concello. Complementouno a tenente de alcalde, tamén en funcións, Paz Pérez Asorey, quen aludiu ao devandito convenio de colaboración para subliñar o interese do Concello lalinense nas
actividades de sensibilización sobre o dano cerebral co obxectivo de previr esta discapacidade entre a súa poboación.
II Carreira e Andaina #PoloDanoCerebral
A cita vai ser no quilómetro cero de Galicia, Lalín, o domingo 2 de xullo. A cita deportiva
solidaria co colectivo do dano cerebral adquirido volve contar este ano coas modalidades de carreira e de andaina, e está aberta tanto a persoas adultas como a todas as categorías
escolares. Unha vez máis, a proba deportiva de FEGADACE está inserida no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, onde se pode consultar o regulamento.
A inscrición está xa aberta en www.carreirasgalegas.com (poderá tramitarse ata o xoves 29 de xuño ás 23:59 horas.). No mesmo enderezo é posible realizar xa unha doazón ao Dorsal 0, para aquelas persoas que non vaian poder asistir. O evento comeza ás 09:15 coa apertura das mesas de recollida de dorsais e o servizo de gardarroupa.
As modalidades de inscrición, detalladas xunto cos seus prezos, distancias e importes por Hernán García Amelio, do Centro ETP, son as que seguen:
O lugar de saída e meta de todas as probas é a Praza de Galicia, fronte o edificio do Concello de Lalín. Alí mesmo estará situada a secretaría da competición, lugar da recollida de dorsais e agasallos. As persoas participantes poderán recoller o seu dorsal desde as 09:15 ata 15 minutos antes de cada proba. Na mesma área situarase o posto de entrega de avituallamento, sólido e líquido, que se ofrecerá a todas e todos os participantes ao seu paso por meta.
A Federación Galega de Dano Cerebral promove e organiza esta proba, contando coa
colaboración da Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e do centro Encuentra tu Potencial , e co apoio da Federación Galega de Atletismo e do Concello de Lalín . Deporte e dano cerebral adquirido.
A Federación Galega de Dano Cerebral xa organizou en 2021 un Trail e Andaina Solidaria , e a I Carreira e Andaina Solidaria Camiñando Polo Dano Cerebral en 2022. A promoción duns hábitos de vida saudable, tal e como expuxo o presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, é unha prioridade para FEGADACE, principalmente por dous motivos:
1. A prevención do dano cerebral adquirido, xa que a práctica de exercicio, unha dieta
equilibrada e, en definitiva, unha vida sa, axudan a evitar o ictus. Esta é a principal
causa do dano cerebral, e conta entre os seus factores de risco coa obesidade, o
sedentarismo, a diabetes ou o estrés.
2. A prevención de situacións de dependencia, ou de que estas se agudicen, no caso das
persoas con dano cerebral adquirido. Un bo ton físico axuda a manter a autonomía
persoal e reforzar a autoestima.
Ciclo de actividades en xullo
O principal froito do convenio que une a Lalín e a FEGADACE é o ciclo de actividades de
sensibilización ‘Coñecendo o dano cerebral adquirido en Lalín’, que se desenvolverá no mes de xullo, e no que se insire a carreira e andaina. Detallounas na súa intervención o presidente de FEGADACE:
Exposición Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido. Auditorio de Lalín | 26/06/2023 a 10/07/2023 | Luns a venres de 16:00 a 20:00 horas
Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando #PoloDanoCerebral’. Saída e meta: Praza de Galicia | 02/07/2023 | 10:00 horas.
Charla de sensibilización sobre o dano cerebral adquirido. Salón de actos da Biblioteca | 04/07/2023 | 17:00 horas. Prégase tramitar inscrición no 681 301 958 ou no 986 780 014. Vai estar impartida por profesionais de Sarela, a asociación compostelá de dano cerebral, que se encarga da atención da poboación de Lalín e de Deza.
Obradoiro Os Bolechas para nenas e nenos de 3 a 6 anos. Campamento de Verán | 05/07/2023 | 11:00 horas. Actividade destinada ás nenas e nenos participantes no campamento de verán, na que se vai regalar o libro Mireia conta que é o dano cerebral adquirido, editado por FEGADACE no marco da serie Os Bolechas.
Cinefórum. Salón de actos da Biblioteca | 06/07/2023 | 19:00 horas. Prégase tramitar inscrición no 681 301 958 ou no 986 780 014. A película, na que se tratará o tema do dano cerebral adquirido e as súas secuelas, cunha sesión de debate guiada polas profesionais de FEGADACE, está pendente de confirmación.
Este ciclo de actividades, organizado por FEGADACE, conta coa colaboración de Sarela, do Concello de Lalín, e da Consellería de Política Social e Xuventude.
Comments