Lalín acollerá hoxe unha xornada de divulgación matemática co lema “Non mates as mates”
- Laura Moure

- 12 jul 2025
- 1 Min. de lectura
É unha actividade organizada polo profesorado e alumnado da Facultade de Matemáticas
Laura Moure/Lalín
Lalín converterase hoxe, sábado 12 de xullo, nun punto de encontro coas matemáticas grazas á xornada “Non mates as mates”, unha actividade organizada polo profesorado e alumnado da Facultade de Matemáticas. A iniciativa desenvolverase ao longo do día na Praza da Vila, con dúas partes diferenciadas:

De 11:00 a 13:00 haberá obradoiros divulgativos e xogos matemáticos abertos a todas as idades, con propostas como torres de Hanoi, cifrados secretos, problemas de grafos
e retos lóxicos. Xa pola tarde, de 20:00 a 21:30, celebrarase un ciclo de charlas curtas divulgativas, a cargo de profesorado e alumnado da Facultade de Matemáticas da USC, que achegarán as matemáticas de forma entretida e accesible.
Publicidade
Un acto con carga simbólica
A escolla de Lalín como sede desta xornada non é casual. A organización quere reivindicar a importancia da vila no desenvolvemento da ciencia e as matemáticas en Galicia, tendo como referente a figura de Ramón María Aller, o matemático e astrónomo do Bermés, considerado precursor da Facultade de Matemáticas e pioneiro da astronomía galega.
Publicidade
A xornada enmárcase tamén na campaña social en defensa do Máster Universitario en Matemáticas da USC, cuxa continuidade está actualmente ameazada. A actividade quere
construír unha mensaxe positiva, de reivindicación do coñecemento, do talento galego e da tradición científica do país.
A actividade é gratuíta e aberta a toda a cidadanía. Non require inscrición previa.








Comentarios