top of page

López Campos sinala que as obras da Casa de Don Álvaro de Lalín acabarán a finais de ano

O conselleiro de Cultura visitou as actuacións


Laura Moure/Lalín

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou este xoves que a Xunta rematará antes de final do ano a restauración da Casa de Don Álvaro, en Lalín. Fíxoo xunto co alcalde de Lalín, José Crespo, nunha visita a estas actuacións, que contan cun orzamento de máis dun millón de euros.


“Recuperamos como merece e para o concello, a súa veciñanza e toda a comarca do Deza un dos seus inmobles máis significativos e icónicos”, aseverou o representante do Goberno galego en referencia ao “importante valor” deste edificio, datado en 1913, e que está incluído no Catálogo do Patrimonio cultural de Galicia.

ree

López Campos lembrou que, tras un convenio de colaboración co concello para levar a cabo estas obras e fixar plan de usos, as actuacións de restauración deron comezo en abril de 2024 co obxecto de “devolverlle todo o esplendor” a este edificio “emprazado no centro neurálxico, comercial e simbólico do conxunto urbano de Lalín”. Nese senso, destacou que a Casa de Don Álvaro ten acollido “establecementos emblemáticos da vila”, entres os que apuntou unha chocolatería, unha ferraxería ou o Banco Pastor. “Estamos, por tanto,  a restaurar parte importante da memoria lalinense”, resumiu.


Novos usos

López Campos explicou que as actuacións de rehabilitación que se levan a cabo por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude están a resolver os problemas provocados polo paso do tempo e a falta de uso “co fin de recuperar este edificio icónico da comarca do Deza e poñelo ao servizo da veciñanza e dos visitantes dotándoo de novos usos culturais, sociais e turísticos”.


Deste xeito, unha vez finalizada a restauración, o responsable de Cultura da Xunta avanzou que a intención é que o inmoble funcione como un contedor sociocultural vencellado ao turismo e gastronomía locais, á vez que acollerá actividades sociais e formativas. En todo caso, garantiu que manterá as súas características construtivas e arquitectónicas, así como daqueles elementos decorativos e mobiliario “que fan del un edificio emblemático e representativo do municipio”, precisou.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Deste xeito, apuntou que no Plan de usos asinado co Concello de Lalín recóllese que nas súas instalacións se estableza a Oficina de Turismo Municipal e un futuro Museo Permanente do Cocido. De igual xeito, lembrou que tamén se definiu como espazo sociocultural para o desenvolvemento de conferencias, exposicións temporais ou presentacións. Finalmente, indicou que se mantén a posibilidade de que o xardín acabe por abrirse ao público para acoller actividades sociais, culturais e de lecer ao aire libre, conservando as árbores máis senlleiras.


Actuacións 

O obxectivo das intervencións que está a concluír a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, é solucionar as patoloxías construtivas causadas pola entrada de auga, o exceso de humidades, o deterioro e o insuficiente illamento térmico das fachadas e a cuberta. Para iso, as actuacións, ao longo deste tempo, estiveron encamiñadas á mellora das canalizacións e a impermeabilización, a reparación dos danos na zona da galería principal e o reforzo da estrutura de madeira de todo o edificio mediante o aporte de novas pezas e o suplemento de vigas.


As obras tamén procuraron recuperar as vigas e viguetas afectadas pola humidade e insectos, así como das carpinterías de madeira exteriores incorporando un dobre cristal que mellore a eficiencia enerxética do edificio. Con este mesmo obxectivo, estase a executar un drenaxe perimetral na zona do xardín e a incorporación dun un novo illamento térmico na cara interior das fachadas e a cuberta.


Os traballos estanse completando cunha nova instalación eléctrica, de iluminación e climatización e coa recuperación do espazo orixinal do baixo. Ademais, está previsto que conte cun ascensor, en cumprimento das normas de accesibilidade e ao abeiro da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page