top of page

López apela en Lalín a un rural con oportunidades e á economía que xera a gandería para evitar incendios

Foi durante a inauguración da sétima edición da Escola de Novos Gandeiros que impulsa a Deputación de Pontevedra na Finca Mouriscade


Laura Moure/Lalín

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, apela un rural con futuro e á actividade económica que xera a gandería no medio como unha das receitas para a prevención dos incendios forestais. Na inauguración da sétima edición da Escola de Novos Gandeiros que impulsa o organismo provincial na Finca Mouriscade en colaboración coa Federación Frisona Galega, o Club de Xóvenes Gandeiros e o Concello de Lalín, o presidente da Deputación volveu lanzar unha mensaxe de solidariedade con todas as persoas afectadas polos lumes e de recoñecemento ao labor de todas as persoas que están a colaborar nas tarefas de extinción destes incendios.

"Lanzamos unha mensaxe de ánimo a todos os afectados polos lumes que están a causar impacto na provincia de Ourense, pero tamén na de Pontevedra e noutros lugares. Destacamos o labor que fan os equipos de extinción de incendios, forzas e corpos de seguridade, voluntariado e tamén os gandeiros", remarcou o mandatario provincial, quen tamén insistiu "no importante que é entender e atender as necesidades do rural porque se practicar accións sustentables e responsables é unha das mellores maneiras de conter os lumes", declarou para salientar o traballo que realizan os profesionais do sector gandeiro, tanto para a conservación do medio rural como para colaborar na prevención e extinción dos lumes.


Nas instalacións da Finca Mouriscade, "unha das mellores fincas do mundo que é referencia a nivel nacional e conta cuns profesores excepcionais", Luis López deu a benvida aos participantes da sétima edición desta Escola de Novos Gandeiros. Unha iniciativa que volve ser un éxito de participación, con 26 asistentes, e na que participan mozos e mozas das catro provincias galegas, así como doutros lugares de España como o País Vasco e Madrid, para coñecer ao longo dunha semana, desde o 18 ao 22 de agosto, o funcionamento dunha explotación gandeira co obxectivo de dar continuidade ao sector e facer fronte ao reto demográfico.

Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Neste sentido, o presidente provincial afirmou que "o rural ten pasado, presente e futuro. Pasado porque a gandería foi moldeando o noso modo de vida cun respecto pola natureza absoluto, presente porque é un dos motores económicos e de emprego da provincia e de Galicia, e futuro porque esta sétima edición da Escola de Novos Gandeiros volve ser un éxito de participación", argumentou.


Publicidade

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Despois de poñer en valor o traballo realizado polos responsables da Fefriga e do Club de Xóvenes Gandeiros polo impulso do sector primario no medio rural, López reafirmou o compromiso da Deputación para seguir colaborando con estas entidades no impulso ao sector agrogandeiro da provincia e convidou a todos os participantes a aproveitar a experiencia e a desfrutar dunha semana de actividade en contacto coa natureza.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page