O rexedor José Luis Camiñas considera que é de xustiza deixar ben claro que estas obras fináncianse co plan extraordinario provincial PON2030, que foi aprobado polo anterior Goberno provincial que presidía Carmela Silva e o Partido Socialista
Laura Moure/Rodeiro
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, realizou este xoves por primeira vez unha visita institucional como mandatario provincial ao Concello de Rodeiro, no que foi alcalde entre os anos 2011 e 2021, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) co rexedor actual, Jose Luis Camiñas; un protocolo a través do cal o Goberno provincial financiará con 425.000 euros, o 90 % do orzamento, os traballos para a humanización da rúa B, localizado en San Vicente de Rodeiro. O Concello, pola súa banda, achega o 10 % restante, máis de 47.000 euros. “A sinatura deste convenio vai significar un importante investimento no centro urbano de Rodeiro, na que coñecemos como rúa do colexio“, afirmou o mandatario provincial despois de asinar o protocolo.
A obra, valorada nun total de 473.000 euros, servirá para executar unha mellora urbana integral da rúa B deste núcleo de poboación do Concello de Rodeiro, un proxecto de humanización para un espazo moi transitado pola veciñanza, que conta cun centro educativo e no que é necesario mellorar a imaxe e os servizos.
En concreto, a obra contempla a creación dunha rúa de sentido único, desde a PO-533 ata o cruce coa rúa A e a estrada á Raña; a ampliación do espazo peonil con beirarrúas máis amplas dotadas con mobiliario urbano, aparcamento para bicicletas e mais arborado, a adopción de medidas para o calmado do tráfico e renovación da sinalización, a iluminación e a canalización de augas pluviais, así como o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións.
Publicidade
Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Rodeiro realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor, modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.
Este acordo entre a Deputación e o Concello de Rodeiro serve para avanzar na mellora dos servizos á veciñanza a través da cooperación institucional que promove o Goberno provincial cos 61 concellos da provincia. “Vimos de aprobar os orzamentos máis municipalistas. De cada tres euros, un vai directamente para os concellos. É unha aposta importante para darlles liquidez e que, en base a esa autonomía local que defendemos, escollan os investimentos, porque, aínda que neste caso eu si coñezo as de Rodeiro, ninguén mellor que os rexedores para atender as necesidades dos concellos. Por iso a colaboración da Deputación será algo do que non se pode dubidar”, explicou López.
O presidente quixo tamén aproveitar a súa primeira visita institucional á que foi a súa casa durante unha década para remarcar que “os proxectos que se van executar en Rodeiro da man da Deputación van ser moitos. Esta é so a primeira de moitas visitas. Seguiremos sumando para que todos vaiamos a máis”, rematou.
Publicidade
Pola súa banda, o rexedor, José Luis Camiñas, amosa a súa satisfacción pola sinatura do convenio coa Deputación para o desenvolvemento da obra de urbanización da rúa B, valorada en 425.000 euros. Camiñas agarda que a Deputación, nesta nova andaina na que está presidida por Luis López, exalcalde de Rodeiro, faga importantes investimentos en Rodeiro, dado que as necesidades do Concello, tanto na mellora das súas infraestruturas de comunicación como na posta en valor dos seus equipamentos son moitas.
Non obstante, Camiñas considera que é de xustiza deixar ben claro que as obras da rúa B fináncianse co plan extraordinario provincial PON2030, que foi aprobado polo anterior Goberno provincial que presidía Carmela Silva e o Partido Socialista. As 54 obras incluídas no PON2030, entre elas a de Rodeiro, cunha dotación total de máis de 22 millóns de euros foron adxudicadas en xuño pasado polo anterior Goberno provincial.
”Agradecémoslle a Luis López que viñera asinar o convenio, pero debe quedar claro que está xestionando unha subvención que foi concedida pola súa antecesora na Presidencia da Deputación”, afirma Camiñas, quen conclúe que está “seguro” de que López terá máis oportunidades de volver a Rodeiro para asinar máis investimentos que a Deputación fará ao longo deste mandato, “xa co selo propio do “Lugués” que, como alcalde que foi de Rodeiro, confiamos en que deixe aquí a súa impronta como presidente da Deputación”.
Comments