López anuncia o reparto dos 250.000 € de axudas ás cooperativas agrogandeiras entre 14 entidades de oito concellos da provincia
- Laura Moure
- 31 ago 2024
- 2 Min. de lectura
De Deza figuran de Lalín e Rodeiro
Laura Moure/Deza
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de anunciar en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno aprobou o reparto dos 250.000 euros de axudas para cooperativas agrogandeiras. “Para este goberno provincial –asegurou Luis López– o sector primario é fundamental polo importante peso que ten na economía da provincia, pola súa estreita relación coa saúde e a mellora da calidade de vida das persoas e por ser un factor indispensable para facer fronte ao reto demográfico”.
En total, tal e como explicou o presidente, serán 14 entidades de Cambados, Forcarei, Lalín, Meaño, Moaña, Pontevedra, Rodeiro e O Rosal as que recibirán ata un máximo de 29.000 euros para afrontar diversos investimentos. Deste xeito, a través destas axudas provinciais poderán desde adquirir nova maquinaria como envasadoras, liñas automáticas de pesaxe e etiquetaxe, sementadoras, distribuidoras de herba ou máquinas forestais, ata mercar furgonetas e tractores, equipamentos informáticos e mobles ou, entre outras iniciativas, afrontar gastos de asesoramento e mellorar procesos ou servizos prestados.

De Lalín recibirán axudas provinciais seis cooperativas: Aprodeza (21.400 euros), Campodeza (27.200 euros), Cooperativa Gandeira de Botos (16.300 euros), Gandeiros do Deza (23.300 euros), Valle del Deza (5.800 euros) e Xuncoga (13.600 euros). Nestas, as axudas provinciais servirán para adquirir maquinaria agroforestal, equipamentos informáticos e mellorar a eficiencia lumínica.
Pola súa banda, de Meaño serán dúas as cooperativas que se beneficiarán dos recursos provinciais: A Milpa do Salnés e Cooperativa Vitivinícola Arousana, que recibirán 9.500 e 29.000 euros respectivamente para recibir asesoramento para estudar as características organolépticas das fariñas de millo galego e para adquirir dous tractores para labores vitivinícolos.
Publicidade
Ademais, Horsal, de Cambados, beneficiarase de 29.000 euros destas axudas provinciais para adquirir unha envasadora e unha liña automática de pesaxe e etiquetaxe; a Cooperativa Agrícola de Forcarei recibirá 27.000 euros para comprar unha sementadora, un distribuidor de herba e equipamento informático; A Meixoeira, de Moaña 1.500 euros para mercar mobiliario, equipamento informático e mellorar os procesos na súa queixería; Cobideza, de Pontevedra, beneficiarase de 29.000 euros para adquirir equipamento informático e realizar melloras na queixería e nos servizos aos socios; O Rodo, de Rodeiro, recibirá 21.000 euros para adquirir equipamento informático e maquinaria agrícola, e Porta Río Miño, do Rosal, 7.000 euros para comprar unha furgoneta e diverso equipamento informático de oficina.
Comments