O edil socialista, encargado da área de Medio Ambiente e Industria, presentou a súa dimisión esta mañá por motivos personais
Manuel Cuíña e Klaus Brey.
Laura Moure/Silleda
O concelleiro socialista Klaus Brey Montaña presentou esta mañá no rexistro a súa renuncia como edil da Corporación de Silleda. A imposibilidade de compatibilizar as súas tarefas no cargo con outras responsabilidades e cargas familiares levaron a Brey Montaña a tomar esta decisión.
Natural da parroquia de Cira, Klaus Brey entrou na corporación Municipal de Silleda no ano 2011, asumindo as áreas de Deportes, Comercio e Industria e Mocidade. A partir do ano 2013, foi tamén o responsable de Obras e Servizos, Medio Rural e Turismo. Xa na lexislatura 2015-2019 ademais de ser tenente de alcalde foi o resposable de Obras e Servizos e Medio Ambiente, ademais de asumir posteriormente a área de Urbanismo.
Circunstancias familiares e a falta de tempo para compaxinar a súa actividade privada e as obrigas como concelleiro levaron a Brey –que concorreu nas últimas municipais no posto número sete da lista -a tomar esta decisión que comunicou nos últimos días ao alcalde, Manuel Cuiña, e con posterioridade ao resto de compañeiros do goberno.
Brey amosa o seu agradecemento ao rexedor silledense “pola confianza que depositou en min durante todos estos anos. Foi un pracer traballar polos veciños e veciñas deste concello, cun goberno que transformou este municipio dende distintos ámbitos”, engade.
Pola súa banda, o alcalde, Manuel Cuiña, agradece ao concelleiro “estes 10 anos de traballo nos que demostrou o seu compromiso cos veciños e veciñas de Silleda, traballando a reo durante a primeira lexislatura sen dotación salarial, e asumindo na segunda áreas de gran peso no goberno municipal dende onde contribuiu co resto do equipo a posicionar Silleda no lugar que hoxe ocupa o municipio”, remarca o alcalde.
Comments