top of page

José Luis Calo de UCIN: “Máis do mesmo”. É que o político non aprende?


José Luis Calo/Xeral


ARTIGO DE OPINIÓN

Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou José Luis Calo, coordinador de UCIN Galicia.

José Luis Calo.
José Luis Calo.

"Pois non! O político non aprende. A resposta non é difícil, creo que ten que ver coa natureza humana. Ningún político quere admitir nunca que pode estar equivocado. Pasan os anos e chegada a tempada de verán “máis do mesmo”, falta de recursos, falta de persoal e falta de xestión forestal.


Alá polo ano 1950 a Administración foi partidaria de asolagar Galicia con árbores foráneas: piñeiros en 1950-1980 e eucaliptos despois. Ignoraron que son árbores moi inflamables. Fomentaron a extinción da gandería extensiva e ao irse a xente do pobo á cidade aumentou máis o risco de incendio nos montes galegos. Temos que lembrar que os incendios non representan só unha ameaza para a riqueza forestal. Tamén para toda a fauna e a flora e perturban gravemente a biodiversidade a ecoloxía e o medio ambiente dunha rexión. Pasaron anos desde a aprobación unánime no Parlamento autonómico e outros tantos desde que se puxo en marcha o chamado inicialmente Infoga e máis

tarde Pladiga, “máis do mesmo”.


O Plan forestal de Galicia “fracasou” e o plan de prevención e loita contra os incendios é ineficaz. Teriamos que reclamar á administración “un exercicio de reflexión” e aos partidos políticos “que non dean as costas á realidade” co fin de “ofrecer unha alternativa consensuada que poña solución ao problema que sofre o monte galego, máis aínda cando temos unha crise climática, a que xera condicións que favorecen a propagación do lume con tempadas de alto risco cada vez máis longas. É outro dos efectos xa visibles do cambio climático, que está a crear un círculo vicioso cos incendios forestais. Tamén está a

cambiar a forma na que se propagan, algúns xa se englobaron nos chamados incendios de sexta xeración.

Para finais de século, en España teremos entre un 20% e un 40% máis de días propicios para a expansión destes. Segundo a Estatística Xeral de Incendios Forestais (EGIF), Galicia concentra un terzo dos incendios forestais rexistrados no Estado. A isto podémoslle sumar a lexislación proposta pola Xunta de Galicia onde se podería perder a titularidade do monte, o que permitiría a súa privatización para entregalos á industria madeireira, promovendo a expansión de especies pirófitas, “favorecendo” a aparición de novos demandantes de madeira, como The Navigator Company ou Altri. Algo que nos indica isto é o feito importante que una das directrices marcadas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 é a de rebaixar nun 5% a superficie de eucalipto no horizonte do 2040.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Con todo, segundo o Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG), a superficie de eucalipto aumentou un 1,4% respecto a 2022. Unha vez analizado estes factores, chegado o mes de xuño, a presenza de combustibles secos, este ano no ámbito rural e mesmo urbano, e a falta de xestión forestal e agraria converte a Galicia nunha área propensa a seguir sufrindo incendios.


En opinión persoal “a Xunta volve fallar nos plans contra incendios, o novo Plan parece no fondo unha copia dos anteriores. A conclusión que podemos sacar disto é que os incendios que se produzan durante este verán serán tamén como os que se produciron en anos anteriores ou maiores. Por iso, como dicía Charles de Gaulle, primeiro ministro de Francia entre 1944 e 1946.“Cheguei á conclusión de que a política é demasiado seria para deixala en mans dos políticos”.


José Luis Calo, coordinador de UCIN Galicia.





Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page