Jorge Cubela preside a Comisión de Seguimento da cesión de parcelas da Finca Mouriscade ao Concello de Lalín
- Laura Moure
- 11 abr 2024
- 2 Min. de lectura
O deputado provincial de Reto Demográfico e Desenvolvemento Rural pon en valor esta finca na xornada organizada por AFRICOR nas instalacións da Deputación
Laura Moure/Lalín
O deputado provincial de Reto Demográfico e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, presidiu xunto coa tenente alcalde do Concello de Lalín, María Pérez, a Comisión de Seguimento da cesión gratuíta á capital de Deza de varias parcelas da Finca Mouriscade. A través desta comisión, que acaba de constituírse onte no Concello de Lalín, daráselle seguimento ao acordo unánime do Pleno provincial mediante o que a vila recibe máis de 115.000 m2 para executar durante trinta anos o futuro Espazo Mouriscade, que estará composto por dous centros: un expositivo vinculado ao rural e ao sector agrogandeiro, e outro agroturístico para impulsar unha zona de "turismo de tranquilidade".

Ademais, no marco desta cesión, ampliaranse as instalacións e a oferta de actividades da área recreativa e de ocio lindeira co río Asneiro (nas que se atopan o albergue xuvenil Vicente Agulló, o Club Hípico Juan Oliveira e o centro ocupacional de Aspadeza), e tamén a plataforma da estrada municipal que lles dá acceso ás edificacións, que alcanzará os 8 m de ancho.
Por outra banda, Cubela, participou este mércores na clausura da xornada organizada pola asociación de gandeiros AFRICOR na Finca Mouriscade, en Lalín. O deputado sinalou o compromiso do Goberno da Deputación de Pontevedra co sector primario e rural, "un dos nosos distintivos e grandes valores como motor para o desenvolvemento económico do noso territorio, da man da innovación tecnolóxica e do respecto ao medio".
Publicidade
O deputado puxo en valor o "boísimo momento" que está a vivir a Finca Mouriscade, propiedade da institución provincial, como "quinta mellor granxa de España en calidade xenética, pechando 2023 como o ano no que se venderon máis embrións en toda a súa historia ou abríndolle a finca á cidadanía cun programa de visitas guiadas". Ademais,
Jorge Cubela lembrou a importancia de avanzar no reto demográfico para facer que a gandería "sexa un sector atractivo para as novas xeracións, implicando a mocidade no rural para facerlle ver que aquí hai futuro e que a precisamos para facerlle fronte ao despoboamento".
תגובות