Javier Ramos e Álex Moure logran o terceiro posto da Copa N5 no X Rallye Ourense Ribeira Sacra
- Laura Moure

- 21 sept 2022
- 2 min de lectura
Laura Moure/Deza
A vila Ourensá de Luintra acolleu a sétima proba do Campionato Galego de Rallyes 2022. De novo, a bordo do Peugeot 208 N5 do equipo ArVidal, a parella dezá formada por Javier Ramos e Álex Moure presentábase á cita ourensá co intención de concretar un bo resultado na disputada Copa N5, do X Rallye Ourense Ribeira Sacra.

O rallye comezaba xa o venres pola tardiña coa celebración da especial de “Castro de
Beiro”, un treito de pouco máis de cinco quilómetros no que Ramos-Moure cedían uns segundos importantes debido a un pequeno contratempo eléctrico. Rapidamente o equipo ArVidal Racing detectou que o problema proviña do alternador, atallando a avaría e deixando de novo o Peugeot 208 N5 en perfectas condicións para a xornada do sábado.
Remontada matinal
Xa primeira cronometrada do sábado, o equipo lograba remontar sete postos co que se instalaba en oitava posición da clasificación e con opcións claras de loitar por posición de pódium dentro da súa competida categoría. Pese as boas sensacións matinais, un erro en forma de trompo en A Tapada-Luintra 1, e a posterior neutralización da mesma especial na segunda pasada, fixo que o equipo se atopase de golpe cunha desvantaxa duns 10 segundos respecto do sesto posto da clasificación xeral que daba acceso á segunda posición da Copa N5.
Tarde moi disputada e igualada
Unha vez disputada a metade do rallye, o equipo dezán tratou de apurar as súas opcións nos treitos da tarde, pero atopouse con uns rivais que tamén correron moito polo que as posición de pódium na Gara N5 permaneceron sin variacións. Deste modo, Pablo Blanco e Ian Quintana lograban a victoria nun Citroen C3 N5, por diante de Jorge Coca e Diego Vázquez a bordo dun Renault Clio N5. O terceiro escalón do pódium lográbano Javier Ramos e Álex Moure, a bordo do Peugeot 208 N5.
Balance da tempada
Javier Ramos recalca que “inicialmente non estaba previsto participar con un N5 este ano, pero unha vez que probamos no Rallye Mariña Lucense o Peugeot 208 N5 animámonos a sumarnos a esta disputada copa. A verdade é que estamos en todolos rallyes varios pilotos con opcións de loitar polo pódium e iso animounos a seguir. Fomos de menos a máis e cada vez sentímonos máis cómodos e vemos que temos mellor ritmo de carreira. A valoración ata o día de hoxe é moi satisfactoria xa que sempre que rematamos, fixémolo cuns resultados máis que aceptables e diante de rivais con moita experiencia no Campionato Galego”







Comentarios