Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, anunciou onte que Iria Fernández González ocupará o posto número 3 da lista electoral de CxL para as vindeiras municipais do 28 de maio. Desta maneira, Compromiso sitúa en postos de saída a unha persoa que simboliza a renovación, o impulso e a implicación do sector máis novo da poboación co proxecto de presente e de futuro que representa a formación.

“Iria”, proclama Cuiña, “non só é unha muller nova, preparada e comprometida coa súa vila, senón que achega a ilusión e as gañas de traballar da xuventude lalinense á candidatura e aporta renovación e frescura a un proxecto pensado para gobernar a longo prazo”. “Chega avalada”, subliña o candidato, “pola súa impecable traxectoria e pola ampla capacidade de traballo e o ánimo que demostrou de maneira sobrada dende que se sumou a Compromiso por Lalín”, salienta.
Pola súa banda, Iria Fernández González amósase “absolutamente honrada e feliz” pola “enorme responsabilidade” que se lle ofrece, na que se amosa convencida de que “estarei á altura das circunstancias do que espera Lalín de min e do meu partido”. Nesta liña, remarca que “dende que fixen a maioría de idade, non tiven nin a máis mínima dúbida de que Compromiso aglutina todos os valores polos que quero loitar para o futuro da miña vila e da súa xente”, afirma.
Así, lembra como unha etapa de progreso ilusionante e esperanzadora a que se viviu co goberno liderado por Compromiso por Lalín entre os anos 2015 e 2019. Por iso, comprométese a poñer todo o seu esforzo para recuperar “ese Lalín en cor do que fala Rafa Cuiña fronte ao Lalín en branco e negro no que nos instalou o Partido Popular”. “Cando hai Compromiso, hai alternativa!”, reafirma.
Iria Fernández González ten 19 anos e é auxiliar de enfermería tras cursar o ciclo de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería en Santiago. Realizou os 4 meses de prácticas no Hospital Clínico, nas áreas de Urxencias, Cirurxía Cardíaca e Vascular e Cirurxía Xeneral Dixestiva.
A maiores, Iria Fernández ten unha estreita vinculación co mundo do deporte e a cultura local. Neste aspecto, xogou no Balonmán Lalín nas categorías infantís, cadetes e xuvenís. En paralelo, estudou na Escola de Música dende os 5 anos ata que entrou en primeiro de elemental no Conservatorio de Lalín. Cando rematou elemental seguiu a súa formación en Vilatuxe con clases de saxofón e tocando tanto banda xuvenil como na banda grande.
Doutro lado, a candidata número 3 de Compromiso por Lalín está moi vencellada ao sector da hostalaría. A súa familia xestiona un bar en Lalín, onde ela traballa na actualidade.
Comments