Investimento conxunto da Deputación e o Concello de 900.000 euros para a reforma do viario do recinto feiral de Silleda
- Laura Moure
- 20 dic 2023
- 3 Min. de lectura
O presidente do Goberno provincial, Luis López, realizou este martes a súa primeira visita institucional a Silleda para asinar un convenio enmarcado no programa “PON2030” co alcalde Manuel Cuíña
Laura Moure/Silleda
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este martes o Concello de Silleda para asinar co alcalde Manuel Cuíña un convenio de colaboración enmarcado no “Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030)” a través do cal o Goberno provincial financiará con máis 760.000 euros, o 85 % do Orzamento, o proxecto a mellora da mobilidade peonil e rexeneración urbana da avenida Recinto Feiral e a rúa Arturo Pérez Lázara. O Concello, pola súa banda, achega o 15 % restante, uns 134.000 euros. Despois de asinar o acordo, o mandatario provincial sinalou que se trata dunha nova mostra de cooperación entre administracións para transformar o espazo urbano e adaptalo aos novos tempos, fomentando a mobilidade peonil e reducindo o uso do transporte individual coa intención de protexer o medio ambiente.

O proxecto, valorado en case 900.000 euros, céntrase na reforma urbana do conxunto formado polas rúas Recinto Ferial, Arturo Pérez Lázara, Semana Verde, M e o viario do recinto da Semana Verde. Neste ámbito, os obxectivos da intervención pasan por fomentar a mobilidade peonil, reducir e calmar o tráfico, reordenar o estacionamento, mellorar a seguridade viaria e mellorar a imaxe desta zona urbana con novo mobiliario e elementos vexetais. En concreto, a obra contempla a implantación dunha plataforma única en todas as rúas cun pavimento de materiais e cores diferenciadas para delimitar as zonas destinadas ao tráfico, o aparcamento e as beirarrúas.
Publicidade
Ao mesmo tempo, a actuación completarase coa instalación de nova sinalización, plantación de árbores e plantas ornamentais, instalación de bancos, marquesiñas, papeleiras e varandas. Segundo recolle o convenio, o proxecto deberá estar executado antes do 30 de abril de 2025.
A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Silleda realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.
Publicidade
A visita deste martes de Luis López ao Concello de Silleda constitúe a primeira visita institucional que realiza como presidente da Deputación. Unha reunión que serviu para referendar o carácter municipalista do Goberno provincial ao apoiar proxectos transformadores promovidos, neste caso, polo Goberno local de Silleda.
“Esta actuación proxectada polo goberno municipal de Silleda hai xa varios meses suporá unha notable mellora da zona deportivo-escolar da vila de Silleda na que se concentran boa parte das actividades culturais e deportivas do noso municipio e na que se atopan ademais dous centros educativos como son o CEIP Plurilingüe de Silleda e a Escola Infantil a Galiña Azul”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.
Publicidade
Ademais da sinatura do convenio o alcalde, Manuel Cuiña, amosoulle as instalacións da nova casa consistorial, un edificio moderno e funcional no que están xa ubicados todos os servizos municipais, e que tamén foi cofinanciada a través do programa provincial Reacpon. Así mesmo, López asinou no Libro de Honra do Concello de Silleda na súa primeira visita institucional ao municipio como presidente da Deputación.
Proxectos pendentes
Cuiña, que agradeceu a visita de Luis López, tamén despachou co presidente sobre outras iniciativas pendentes da Administración provincial en Silleda, como as sendas de Toiriz (na EP-7201), a posta en marcha do Plan de Turismo Sostible en Destino (ca dotación de sendas na Casela) ou a dotación de luz eléctrica ao mosteiro de Carboeiro.
Comments