Investigado un veciño de Melide e a outro de Toques como presuntos autores de 6 delitos de abandono e maltrato animal
- ecosdacomarca
- 6 jul 2024
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Comarca Terra de Melide

A Patrulla do Seprona da Garda Civil de Milladoiro investigou a dous homes como presuntos autores de 6 delitos de abandono e malos tratos animal no marco da operación Foliada. A mencionada operación iniciouse en setembro de 2023 a raíz a existencia de numerosos casos de abandono e malos tratos animal con resultado de morte na comarca de Terra de Melide, así como a preocupación social que xeraba nas localidades desta comarca pola cantidade de animais que vagaban polas vías de comunicación co consecuente risco para a seguridade viaria e o dano producido nas plantacións existentes.
No transcurso da investigación, os efectivos actuantes localizaron en varias explotacións pertencentes aos investigados e en parcelas vinculadas coas mesmas, cadáveres de equinos abandonados e en avanzado estado de descomposición, cos consecuentes riscos de bio-seguridade para o resto da fauna, tanto doméstica como salvaxe, así como exemplares con síntomas de caquexia severa e en estado agonizante, sendo necesaria a actuación dos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural, os cales tiveron que practicarlles a eutanasia polo seu estado irrecuperable.
Publicidade
Os compoñentes da Patrulla tamén constataron que os animais vagaban fóra dos límites das explotacións sen ningún tipo de control, co consecuente risco para a seguridade viaria, ocasionando polo menos un sinistro viario, por impacto dun turismo contra unha asno propiedade dun dos investigados, ademais de pastorear en leiras privadas alleas, provocando numerosos danos nas plantacións existentes.
Publicidade
Tamén se comprobou que un dos investigados, o melidense, publicitaba os animais en páxinas web de vendas e redes sociais, atopándose esta persoa inhabilitada para o comercio e a tenencia de animais por sentenza xudicial. Por todo o exposto, a Garda Civil procedeu á investigación do veciño de Melide como suposto autor de 4 delitos de abandono e malos tratos animal, 1 delito de quebrantamento de condena, 1 delito de usurpación de estado civil e outro de ameazas, ordenando a Autoridade Xudicial o seu ingreso nun centro penitenciario e ao veciño de Toques como presunto autor de 2 delitos de abandono e malos tratos animal, 1 delito de ameazas e outro delito contra a seguridade viaria.
Comments