top of page

Interior Galego Vivo presentará mocións nos concellos contra os novos impostos da auga

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Denuncia que a Xunta "converte a auga nun ben de mercado e triplicará o seu custe"


Ecos da Comarca/Xeral

A plataforma Interior Galego Vigo presentará mocións nos concellos contra os impostos da auga. Considera que a Xunta "converte a auga nun ben de mercado e triplicará o seu custe".

A auga é un ben básico, esencial para a vida, que debemos protexer e non pode estar sometida a modelos especulativos, indica. "Na actualidade, este ben esencial, que debera ser integramente de xestión pública, en virtude das sucesivas reformas, está sometido a normas que a encarecen e fan apetecible a súa xestión por parte de empresas privadas, acentuado dende a aprobación da Lei de augas do PP, que dende 2012 aplica o canon da auga", sinala.


Neste momento, a Xunta de Galiza pretende aprobar dúas novas taxas que van disparar a factura da auga. Concretamente, trátase de dous canons de nova creación, incluídos no Anteproxecto de lei para a xestión integral do ciclo da agua, xa en tramitación, que visan substituír o actual coeficiente de verquidos.


Tarifas

Agora mesmo, para uso doméstico existe, no tramo máis baixo de consumo, unha tarifa de cero euros, que con estes novos impostos pasaría a 0,15 euros o metro cúbico. Así, nun fogar con tres persoas cun consumo de 25m3 de auga cada trimestre pagaríase case o triplo: de 6,65 euros actuais a 18,7 euros. Asemade, os novos canons incorporan unha parte fixa de 1,54 euros por persoa ao mes.

"O incremento impositivo tamén se notaría nos usos asimilados ao doméstico, é dicir, aqueles que consomen menos de 2000 m3/ano e nos non domésticos, mais nestes casos só atinxiría a parte fixa do canon. Para os primeiros pasa de 1.54 euros/persoa para 3.08 euros e, no segundo, sobe de 2.57euros/mes a 3.08. A proporcionalidade e a xustificación para desincentivar o malgasto non se atopa por nengunha parte", recalca.


"Así, en sintonía coa panoplia lexislativa do PP, a nova lexislación castigará máis ás persoas consumidoras domésticas, nomeadamente a quen teña un consumo máis baixo que, polo xeral, son fogares máis humildes. Con todo, contémplanse bonificacións de 50% para familias numerosas e fogares en risco de exclusión social, mais dende Interior Galego Vivo sostemos que para estas últimas moradas deberían ser do 100% as bonificacións".

Estimacións de profesionais do sector sitúan a suba do recibo en 180% na auga dos fogares e 130% no caso das empresas. "Un despropósito que, na Galiza, coincide no tempo coa suba interanual máis elevada da inflación rexistrada do Estado español (4%)".

Os novos impostos (canons) virían asubstituír o actual coeficiente de vertidos e denominaríanse do seguinte xeito:


• Canon de xestión de depuradoras.

• Canon de xestión da rede de colectores.


"A maiores, o anteproxecto inclúe outra mudanza tamén discutíbel pola falta de progresividade. Grava as fugas de auga na rede de abastecemento, caso superen 20% do volume captado, mais cunha única parte variábel de 0,29 euros m3, que afectaría á cidadanía galega que dependa de infraestruturas xeridas por Augas de Galicia. O novo Anteproxecto tamén afectará ás arcas municipais, que deberán pagar o Canon de xestión de abastecementos, outro tributo de nova criazón e que deberán abonar os concellos aos que Augas da Galiza dea estes servizos".


Así, as candidaturas integradas na Plataforma Interior Galego Vivo proporán nos municipios mocións que pretenden sacar adiante os seguintes acordos:

  1. A Corporación demanda do Goberno da Xunta da Galicia a paralización do Anteproxecto de lei para a xestión integral do ciclo da agua e a súa tramitación desde o diálogo social e incorporando os principios de proporcionalidade e progresividade fiscais.

  2. A Corporación eleva á Xunta a esixencia de saneamento e depuración axeitadas nas parroquias do rural para o que son necesarias maiores dotacións e destinar parte dos gravames recadados por Augas da Galicia no municipio, de ser o caso.

  3. A Corporación insta ao Goberno galego a deseñar un plano para toda Galicia, a comezar polo interior galego e os concellos e parroquias atinxidos por figuras de protección como a de Reserva de Biosfera, para dotar con carácter urxente de sistemas de depuración de augas residuais e saneamento a estes territorios.

  4. O Pleno municipal solicita apoio da FEGAMP na defensa destes acordos, así como pór os mesmos en coñecemento dos concellos adheridos por se quixesen presentar solicitudes análogas.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page