top of page

Interior Galego Vivo celebra este sábado a súa quinta asamblea en Antas de Ulla

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Ecos da Comarca/Antas de Ulla

Este sábado, 7 de maio, en Antas de Ulla, terá lugar unha nova xuntanza do movemento cidadán Interior Galego Vivo (IGV), que leva desde 2015 organizando a revolta das comunidades do interior galego coa a firme vontade de avanzar o camiño sumando desde a humildade e a transversalidade.


Interior Galego Vivo (IGV) punto de encontro das xentes, de agrupacións locais e asociacións polo dereito á vida digna no interior galego. En Belesar, o sábado 4 de maio do 2019, dez candidaturas municipalistas do interior galego comprometíanse de xeito público a traballar cooperativamente en alternativas de vida e traballo digno para as comarcas do interior galego. Dende aquel entón, o colectivo non deixou de medrar e comezou a promover e integrar diferentes liñas de traballo a través da colaboración entre os diferentes concellos con representación na plataforma.

"Unha formación social e política para facer fronte ao despoboamento que induciron nas parroquias e vilas do interior; para confrontar os desequilibrios territoriais; para deter as agresións ao territorio e pular pola mellora da súa ordenación; para denunciar a mingua ou supresión de servizos nas nosas comarcas envellecidas, que deterioran as condicións de vida das nosas xentes e que negan oportunidades formativas e laborais á nosa mocidade; mais tamén unha formación que ergue e defende alternativas e un novo modelo de desenvolvemento máis equilibrado e xusto, que precisa tamén dunha fiscalidade rural axeitada", recalca.


E sinala que nesta V asemblea de Antas "priorizaremos a construción dunha ferramenta organizativa flexíbel, mais eficaz. É vital tecer rede con diferentes colectivos e persoas e construír unha organización cunha dinámica regular que elabore na praxe un programa común e alternativas para actuar na instancia política a prol da nosa xente e da nosa Terra".

Nas mesas temáticas que se realizarán, e nas cales calquera persoa pode participar para ofrecer propostas, falarase de: agrogandeiría, coidados, vivenda, transporte, fondos next generation, lecer, xuventude, soberanía alimentar... Cada mesa aborda varios temas que comparten aspectos entre sí, para que, dese xeito, tamén as propostas verquidas poidan ser entendidas dun xeito global. Xa á tarde, a xuntanza rematará cunha posta en común de conclusións do traballo da mañá e tamén unha pequena camiñada polas terras da Ulloa.

 
 

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page