top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Instan ao ministro de Cultura a protexer o Patrimonio Mundial do Camiño Francés fronte ao proxecto da macrocelulosa na Ulloa

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, o Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Ulloa Viva remitironlle unha carta alertando das graves afectacións que tería a celulosa de Altri-Greenfiber no Camiño Francés, no Camiño Primitivo e na Ruta Eurovelo 3


Ecos da Comarca/Xeral

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, o Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Ulloa Viva, veñen de remitir unha carta ao ministro de Cultura, Ernest Urtasun, na que manifestan a súa firme oposición ao proxecto Gama "polos innumerables impactos negativos que suporía a macro fábrica de celulosa no patrimonio cultural e natural galego". Inciden especialmente no  Camiño Francés e no Camiño Primitivo do Camiño de Santiago, declarado Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO, sendo competencia do Ministerio de Cultura a promoción, protección e difusión do patrimonio cultural español, "que o proxecto Gama poría en serio perigo".

Como anteriormente realizaron co MITECO, MAPA e Ministerio de Industria, as asociacións asinantes da misiva elaboraron un  informe específico coas afectacións que poden ser de competencia do Ministerio de Cultura. No dito informe arguméntase o irracional que sería conceder fondos públicos "a unha actividade tan destrutiva co medio ambiente, co patrimonio cultural e cos sectores primarios galegos". As organizacións tamén valoran "como indecente que Altri, a través da nobel empresa Greenfiber, sen experiencia nin patrimonio algún e creada probablemente para ter máis facilidades á hora de recibir fondos públicos, pretenda recibir ata un cuarto do seu investimento inicial –uns 250 millóns de euros dos 900 que di investirá– de fondos Next Generation a través do PERTE de descarbonización".


Publicidade


Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, o Sindicato Labrego Galego e a plataforma Ulloa Viva destacan "que o Camiño de Santiago e as actividades do sector primario son os maiores impulsores da economía nestas comarcas da Galicia interior, nas que unha economía sostible e respectuosa co medio, asociada á agricultura e á gandería, á producción ecolóxica, ás industrias agroalimentarias, así como os hábitos e a forma de vida tradicionais que modelan a paisaxe antrópica, e que fan delas o maior atractivo para quen peregrina por estes camiños". "O impacto ambiental e paisaxístico que se produciría no Camiño Francés, o máis afectado, ocasionaría un progresivo e alarmante descenso do número de peregrinacións e un deterioro irreparable da economía local. A contaminación lumínica e sonora, o impacto na Rede Natura 2000 e a contaminación do aire, auga e terra serían constantes día e noite".


Para as entidades, "Galicia non pode soportar outro proxecto de industria que reverta nunha maior eucaliptización do territorio, xa que numerosos estudos científicos demostraron que a esaxerada proliferación destes monocultivos no noroeste peninsular está directamente relacionada coa perda de biodiversidade, a deficiente integridade ecolóxica, a inflamabilidade da paisaxe e mesmo coas limitacións á hora de mitigar o cambio climático".


Asemade, sinalan que "o proxecto supón tamén unha afección aos recursos hídricos pola captación diaria que se pretende na cunca hidrográfica do río Ulla, e posterior vertido de augas tratadas quimicamente. Mais tamén afectará culturalmente a ribeira do río Ulla, que está ligada ás tradicións, sendo todo un símbolo paisaxístico, cultural e económico con numerosos elementos patrimoniais e antigas referencias no Códice Calixtino formando parte do Camino de Santiago".


Publicidade

Recentemente, as mesmas organizacións trasladaron a todos os concellos bañados por este río, ou que captan augas para abastecemento da poboación, unha petición “Declaración de dereitos do río Ulla e dos compromisos da súa comunidade ribeirá”. Esta petición fana extensiva ao ministro de Cultura, ao que solicitan unha declaración institucional de dereitos do río Ulla e o compromiso de protección como ben cultural e natural.


Para rematar, as organizacións asinantes fan un chamamento a toda a cidadanía a acudir o día 26 de maio ás 12 horas a Palas de Rei, para participar masivamente na primeira manifestación contra este proxecto, que discurrirá baixo o lema “Dende a Ulloa ata a Ría. Terra, auga e aire son vida”.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page