Tamén no Espazo Cultural Lorenzo Varela está a exposición dedicada a Xela Arias
Laura Moure/Monterroso
Este luns presentouse no Espazo Cultural Lorenzo Varela de Monterroso a mostra itinerante No Camiño, que co subtítulo As imaxes que viron os peregrinos recompila imaxes antigas dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo, ademais de textos literarios relacionados con eses anacos da historia do Camiño, hoxe perdidos na súa maior parte. No acto inaugural participaron a alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas, o teniente de alcalde, Eloy Pérez, o concelleiro de Cultura, Luís Mariño, a xefa territorial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.
As fotografías, perfectamente localizables polo espectador e debidamente identificadas, son un valor por si mesmas e o testemuño da luz resulta complementado ou resaltado polas citas literarias, que poñen de relevo tanto os aspectos que a imaxe reflicte como outros detalles históricos ou sociais, que axudan á comprensión ou ao impacto, por completar a visión do espectador.
Tamén no Lorenzo Varela está exposta a mostra itinerante dedicada a Xela Arias e organizada pola mesmo colectivo para dar a coñecer a figura de Xela Arias, a quen se lle dedicou este ano o día das letras galegas. Doce paneis recollen os primeiros anos da súa vida, a súa vinculación co rural e co noso idioma.
Durante toda esta semana poderedes achegarvos a visitar estas interesantes mostras culturais.
Yorumlar