A actuación contou cun orzamento de máis de 700.000 euros, dos cales a Xunta de Galicia achegou o 65% (450.000 euros), e o Concello o 35% restante (250.000 euros)
Laura Moure/Lalín
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, participou este venres na inauguración do estadio Manuel Anxo Cortizo tras a reforma que contou cun orzamento de máis de 700.000 euros, dos cales a Xunta de Galicia achegou o 65% (450.000 euros), e o concello o 35% restante (250.000 euros).

Lete Lasa fixo mención ao veciño que lle dá nome ao estadio, Manuel Anxo Cortizo, e destacou a súa faceta de ex concelleiro e presidente ata en dúas ocasións do CD Lalín, club ao cal non deixou de animar ata pouco antes do seu pasamento no ano 2013. “Por todo iso, o Concello de Lalín decidiu distinguilo como Lalilense do ano en 2010, un recoñecemento máis que merecido e que esperemos sexa de inspiración para todos os veciños desta vila”, indicou o mandatario.
As reformas do estadio Manuel Anxo Cortizo inauguráronse ademais cun partido amigable entre o CD Lalín, que milita actualmente na Primeira Galicia de fútbol, e o Ourense CF, equipo de Segunda RFEF, enfrontamento que tamén dará paso ao comezo da competición oficial do equipo local.
As obras realizadas no estadio de fútbol supuxeron a substitución do antigo céspede de herba natural, xa en malas condicións, por un novo terreo de xogo de céspede artificial de última xeración que permita un máximo grao de uso cun mínimo mantemento. Para a realización destas obras foi necesario retirar os restos do antigo terreo co obxectivo de instalar unha nova base para o céspede xunto coa instalación dun novo sistema de drenaxe e rede de rego, o valado do campo, equipamento e a súa marcación. Nas verbas do secretario xeral “non só beneficiará aos máis de 200 nenos que practican fútbol en Lalín, senón que tamén o fará co atletismo, o rugby ou o fútbol gaélico que utilizan estas instalacións e que en total, suman un total de 600 deportistas que verán a súa contorna cotiá de práctica deportiva optimizado”.
Comments