É un aumento do 25% respecto ao mesmo período de 2020
Laura Moure/Silleda
Humana Fundación Pueblo para Pueblo recuperou 10.751 kilos de téxtil usado en Silleda durante o primeiro semestre de 2021 para darlles unha segunda vida a través da reutilización ou a reciclaxe. A recollida selectiva de residuo téxtil representa un aumento do 25% respecto a o primeiros seis meses do ano pasado (8.597 kilos). En total en Silleda hai 12 puntos de recollida usada no municipio (repartidos nas vilas de Silleda, A Bandeira e en Laro). Segundo o convenio do Concello, esta entidade aporta unha cantidade ao ano por contenedor ás arcas municipais para destinar a fins solidarios.
"No que levamos de ano, os doantes revisaron o seu armario e depositaron nos contedores da Fundación a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil de fogar que xa non utilizan", indica Humana. As máis de 10 toneladas recuperadas en Silleda equivalen a 48.000 pezas cuxa xestión, que permitirá alongar a súa vida útil, implicará un dobre beneficio: o primeiro é ambiental, porque reduce a xeración de residuos e evita que acaben nunha entulleira. "Ademais, a recuperación do residuo téxtil no que levamos de ano evita a emisión de 34 toneladas de CO2 á atmosfera", recalca a entidade.
O segundo beneficio é social: consiste na creación de emprego verde. Humana xera un emprego indefinido por cada 30.000 kilos de téxtil recolleito. Ademais, os recursos obtidos destínanse a proxectos sociais: tras máis de tres décadas de actividade, tres millóns de persoas víronse involucradas nos programas de desenvolvemento nos países do Sur da man de contrapartes ou socios locais; son proxectos centrados na formación de profesores de primaria, o impulso da agricultura sostible ou a loita contra o VIH/SIDA, entre outras accións. “Ao obter o máximo aproveitamento do téxtil e darlle unha segunda vida, convertemos os residuos en recursos e dotámoslles dun fin social”, afirma Ricardo Rodríguez, responsable da área de Recollida de Humana en Galicia. “As pezas que se recuperan son un activo que, xestionado debidamente, convértese en motor de emprego e de xerador de fondos para a cooperación ao desenvolvemento no hemisferio Sur, e de apoio local e agricultura urbana e social no noso país. Por iso, damos as grazas á cidadanía pola súa colaboración”.
A recollida en Galicia
Cada cidadán refuga cada ano entre 20 e 30 kilos de téxtil. En Galicia xéranse entre 54.000 e 61.000 toneladas de residuos téxtiles anualmente, pero só se recupera selectivamente unha décima parte do que xeramos nos nosos fogares para promover a súa reutilización ou reciclado; o resto tírase noutras fraccións e acaba nunha entulleira. Cabe sinalar que a recollida selectiva de roupa ten moito potencial para garantirlle unha segunda vida: o 50% pódese reutilizar e máis do 35%, reciclar. Por iso é importante que se deposite nun contedor de roupa; resulta obvio, pero case o 90% do residuo téxtil non acaba no punto de recollida adecuado.
O futuro do sector está marcado, en primeiro lugar, pola nova Lei de Residuos, pendente de aprobarse nas Cortes, que determina que todos os municipios deberán establecer unha recollida separada para o residuo téxtil antes de 2025 (hoxe en día non están obrigados a iso), o que impulsará as cifras de recuperación. En segundo lugar, é fundamental aumentar o número de contedores no espazo público para facilitar as doazóns da cidadanía; implantar mecanismos normativos que permitan unha recollida selectiva eficaz e eficiente, que garanta a trazabilidade na cadea de valor, e visibilizar o destino da roupa. A existencia de indicadores fiables é clave para a credibilidade do sistema e para dar confianza aos cidadáns. En terceiro lugar e nun horizonte de tres anos vista, aqueles que poñan os produtos téxtiles no mercado deberán asumir os custos e a xestión de residuos que xera o seu produto, a chamada Responsabilidade Ampliada do Produtor (RAP), que xa funciona para outras fraccións, como os envases.
O destino da roupa usada
O principal destino das pezas depositadas nos contedores de Humana é as plantas de preparación para a reutilización da Fundación (en Madrid e Barcelona) e unha pequena parte véndese a empresas de reutilización e reciclado. O destino das pezas tratadas é:
O 54% destínase a reutilización: o 14% a través das tendas secondhand e o 40% expórtase, principalmente a África para ser comercializado, facer accesible a vestimenta en países menos desenvolvidos e xerar recursos para a cooperación ao desenvolvemento.
O 37,5% atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil para que elaboren outros produtos (mantas, illantes ou trapos para a industria de automoción).
O 1,5% son residuos impropios (plástico, cartón, outros) que se pon en mans de xestores autorizados.
O 7% non se pode reutilizar nin reciclar nin valorizar energéticamente e envíase a un centro de tratamento de residuos para a súa disposición final.
Comentarios