Hoxe, día 4, comeza o ALTRILixo que se estenderá ata o sábado 12 de abril
- ecosdacomarca
- 4 abr
- 3 Min. de lectura
Encherá as prazas, rúas e escaparates de Redondela de obras feitas con material de refugallo que se centrarán "na ameaza de Altri para o fráxil equilibrio ecolóxico en Galicia"
Ecos da Comarca/Xeral
Este venres 4 de abril comeza unha nova edición do certame ArteLixo que se estenderá ata o sábado 12 de abril enchendo as prazas, rúas e escaparates de Redondela de obras feitas con material de refugallo. O ArteLixo dende a súa primeira edición, na década dos 90, ten un carácter marcadamente reivindicativo e propón unha reflexión ecoloxista sobre a problemática medioambiental. Para esta edición “non dubidamos en adicar o ArteLixo á ameaza que supón Altri para o fráxil equilibrio ecolóxico en Galicia” subliñan dende o colectivo organizador “é por eso que por este ano mudamos o noso nome, transformándoo en ALTRILixo”.
O certame reunirá 100 obras da máis diversa procedencia, dende artistas locais, ou artistas de Arousa que se senten directamente ameazados pola Macrocelulosa que se pretende instalar na Ulloa, ata todo tipo de colectivos sociais e artísticos da nosa contorna ou incluso de fóra de Galicia. “O certame, ano tras ano, amosa o seu enraizamento na veciñanza, agromando as obras da rapazada de colexios e institutos” destacan dende ALTRILixo. Para o colectivo organizador o ALTRILixo revela ó arte como unha necesidade humana. “Outro ano máis, ALTRILixo amosa que as cousas poden facerse de outro xeito, en común, e coa aportación libre e desinteresada de moitas persoas co único interese de construír un certame ecoloxista, solidario, colaborativo, con consciencia e con vontade de compartir” anunciaban na convocatoria do certame.

Como todos os anos o ALTRILixo chega cheo de actividades paralelas. O mesmo venres, 4
de abril, que abre o certame, inaugurase unha exposición na sala 1 do Multiusos de Redondela de Eduardo Nuñez. Eduardo Nuñez, alcumado Willow é mariñeiro de profesión e lixeiro de corazón. Moañés de adopción á súa obra trata de potenciar a segunda vida das cousas centrado en materias industriais. O colectivo organizador está moi ilusionado co descubrimento da obra inédita de Eduardo Nuñez. “É un artista que descubrimos gracias o rastreo que facemos. Tivemos a sorte de atoparnos con el e accedeu a expor para o ALTRILixo. Agora a súa excelente cualidade artística sae á luz”. A obra deste autor poderá gozarse ata o 19 de abril. No acto de inauguración actuará o grupo musical Vai Adispacio.
Xa o sábado, a partir das 11 horas, comezara a Feira ALTRI NON nos xardíns da Alameda de Castelao. A feira comezara cun faladoiro sobre Altri que conducirá a veciña redondelán Ana Freiria, portavoceira de Ecoloxistas en Acción. Ao rematar, as 12:00 horas dará paso á actuación do grupo Lowtiders, liderado tamén por un veciño redondelán, Juan Pacheco. O
concerto suporá a estrea do novo proxecto de Juan en Redondela, un músico cunha ampla
traxectoria internacional. Ao mesmo tempo e ata as 19:00 horas haberá unha feira de segunda man.
O luns, 7 de abril, o alumnado de colexios e institutos encheran os pasos de peóns de poesía e versos na xa tradicional Poesía para peóns. A actividade consiste en escribir nos pasos de peóns versos, ou cachiños de poesías, para que a veciñanza aprecie esta expresión dun xeito máis directo.
Publicidade
Finalmente a edición deste ano do ALTRILixo pecharase na feira do gando de Redondela o
sábado 12 cos tradicionais ObraLixo e SonaLixo. Todo comezará as 17:00 horas. En primeiro lugar o ObraLixo contará con Anxo Moure que despregará ás súas cualidades de Contacontos e montarase unha “fábrica de corazóns reciclados” onde os máis pequenos transformaran papel usado en “fermosos corazóns”.
Como todos os anos o SonaLixo é un palco aberto onde prodúcense novas complicidades entre artistas, sobre todos locais, que enchen o escenario con propostas musicais, de danza ou de híbridas dun xeito máis ou menos espontáneo. O SonaLixo dará paso ao concurso de maquetas de Millo Verde afianzando unha colaboración entre estes dous colectivos que xa veñen colaborando asiduamente.
Comments