top of page
Foto del escritorLaura Moure

Heredeiros da Crus actuará na XXIV edición do Bandeirock da Bandeira o 17 de agosto

A Asociación Amigos da Empanada desvelou hoxe o cartel completo polo que pasarán distintas e coñecidas formacións musicais


Laura Moure/Silleda

A Asociación Amigos da Empanada da Bandeira (Silleda) comeza a desvelar os primeiros detalles da programación da Festa da Empanada, a cita gastronómica de maior relevancia do concello de Silleda. Nesta ocasión, a entidade cultural deu a coñecer as agrupacións que actuarán na 24 edición do Festival Bandeirock, que se celebrará na Bandeira o xoves 17 de agosto a partir das 20:00 horas.


A andaina do Festival Bandeirock comeza no ano 1998 cando un grupo de amigos e amigas deciden darlle un pouco de rock ás festas de verán da vila de Bandeira. Nestas máis de dúas décadas, o evento, un dos máis antigos de Galicia, reuniu a grupos de relevancia entre os que podemos destacar a Che Sudaka, NAO, Terbutalina, Boyanka Kostova, Calle del Ruido, Mojo Experience, Os John Deeres, Salavelatoria, The Ron Jeremy Band... Ademais do seu claro apoio aos grupo rock locais, o Bandeirock ten un claro compoñente solidario, colaborando ano tras ano con centos de quilogramos de alimentos que as persoas asistentes aportan e que finalmente son destinados a persoas en risco de exclusión social a través dos Servizos Sociais do Concello de Silleda.

O cartel desta nova edición foi elaborado polo artista local, Luis Cerviño, quen tamén creou a imaxe oficial da 47 edición da Festa da Empanada. Esta obra, realizada coa colaboración de EMSE Deseño Gráfico (A Bandeira), conta ademais cun reto, como é o de atopar no cartel o número total de rodillos que se atopan agochados no propio deseño.


Polo que respecta ás agrupacións que actuarán o vindeiro mes de agosto, destaca sen dúbida a presenza de Heredeiros da Crus, unha das bandas rock galegas máis importantes da historia e que dende os anos 90 fai vibrar coas súas letras aos seus centos de miles de seguidores. Os Heredeiros estarán acompañados por outra banda icónica do panorama musical galego como é a Mekanika Rolling Band, que está a celebrar dúas décadas sobre os escenarios facendo máis festa ca nunca.


Como non podía ser doutro xeito, a banda local Kona Ke te Fixo, que está de volta tras presentar o seu disco, actuará no que é o seu festival por excelencia, xa que esta banda foi a que posibilitou o nacemento do Bandeirock tras encargarse da súa organización durante os primeiros anos de vida. Kona Ke te Fixo non será a única banda do pobo que actúe nunha xornada chea de rock xa que a recentemente creada Marela tamén actuará no festival.


Os outros grupos que se suman á festa do rock son Cuarta Xusta, agrupación que nace no ano 2016 e que xa suma múltiples éxitos e Salavelatoria, banda de thrash metal formada a finais do ano 2014 e que pisará por segunda vez o escenario do Bandeirock. Pecha o cartel a coñecida Señora DJ que amenizará co rock máis variado de todos os tempos durante toda a xornada.


Andrés Seoane, presidente de Amigos da Empanada agradece “o inmenso apoio que se está a recibir por parte de institucións públicas como o Concello de Silleda, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia así como de empresas privadas como Helvetia, A Banca, O Muíño de Cuíña ou Gadis; xa que grazas a eles e tamén ao comercio local e á veciñanza da Bandeira, será posible levar á máxima calidade os Festivais da Empanada e en consecuencia, estará máis preto que nunca o logro do Interese Turístico Nacional”.

Plan de emerxencia

Por outra banda, Amigos da Empanada prevé realizar nas vindeiras semanas un plan de emerxencias ante as dimensións que están adquirindo os eventos e o gran número de persoas que se espera que cheguen á Bandeira na terceira semana de agosto.


O colectivo, anima a apoiar á Festa da Empanada a través das súas redes sociais, que cada día suman novos seguidores. Nas vindeiras semanas, a asociación continuará a desvelar máis detalles da programación.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page