A Xunta únese á conmemoración impulsando seis concertos que se suman á xira deste ano, entre eles o de Lalín, Valga, Muros, Catoira, Pantón e Vilanova de Arousa
Laura Moure/Lalín
A Xunta de Galicia súmase ao trixésimo aniversario da banda galega Heredeiros da Crus impulsando a celebración de seis novos concertos que se sumarán así á xira deste ano. En concreto, como anunciou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, hoxe durante a presentación da iniciativa, colaborarase na celebración de concertos en Lalín (18 de xuño pola Noite Branca), en Valga (o 2 de xullo na Festa da Xuventude), Muros (en Esteiro o 16 de xullo no Festival das Carrilanas), en Catoira (o 5 de agosto na Festa Vikinga), Pantón (o 19 de agosto no Trece Roeis Fest) e Vilanova de Arousa (o 10 de setembro en Sonatas de verán).

O titular de Cultura da Xunta puxo en valor a traxectoria desta banda que se converteu “nun dos fenómenos musicais máis grandes de Galicia” ao ter conseguido construír un “selo propio no panorama roqueiro galego de todos os tempos”. Referiuse á “contundencia das súas letras” e tamén á “enerxía e humor despregados no escenario” como parte do seu éxito, ao que se suma o facer “do seseo e da gheada unha das súas principais bandeiras”, indicou.
Salientou, ademais, que o apoio a estes concertos enmárcase na política cultural da Xunta de Galicia por impulsar diferentes iniciativas “que permitan reflectir a pluralidade e diversidade da nosa música e a nosa cultura”, indicou. Neste sentido, fixo referencia ao apoio do Goberno autonómico á música galega a través de diferentes iniciativas.
Apoio á música galega
Entre elas referiuse á recentemente aberta liña de axudas para que as bandas podan emprender xiras ou concertos por toda Galicia, vencellando ademais neste ano aos proxectos asociados directamente desde o Xacobeo “que converten a estas agrupacións en embaixadoras da nosa cultura a nivel global”. Súmanse apoios ao desenvolvemento do talento audiovisual, iniciativas como Cultura no Camiño para música e artes escénicas, axudas a festivais, á distribución de música para xiras, asistencia a feiras, entre outras. En total, case 3 millóns de euros para potenciar a variedade e as oportunidades na escena musical galega.
Comments