top of page

Herba Grileira presenta hoxe o traballo discográfico “As músicas da Terra de Melide”

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

É un disco que recolle o repertorio musical contido no libro Terra de Melide, publicado no

1933 polo Seminario de Estudos Galegos, arranxado e musicalizado por esta formación


Laura Moure/Melide

A Asociación Cultural Herba Grileira de Melide levará a escena parte do repertorio musical recollido na comarca a principios do século XX polo Seminario de Estudos Galegos. Romances, alalás, cantigas de berce, pandeiradas ou muiñeiras recollidas na comarca melidá por persoeiros da talla de Vicente Risco, Xesús Bal e Gay ou Eduardo Torner cobrarán vida no transcurso dunha gala que dará comezo hoxe, sábado 17, ás 20:30 horas no Centro Sociocultural Mingos de Pita de Melide.

A través dunha escolla feita sobre o amplo repertorio contido no libro, Herba Grileira presentará As músicas da Terra de Melide co que pretende achegarlle ao público as

pezas que tocaban, cantaban e bailaban os antepasados da bisbarra aló por principios

do século XX. Ao mesmo tempo a asociación busca dignificar todo ese legado.“O Terra

de Melide é un tesouro para a nosa comarca; unha xoia escrita que nos fala de como somos e de onde vimos, un libro icónico que nunca está demais abrir para mergullarse nel e aprender. En Herba Grileira queremos contribuír á súa difusión e coñecemento, propósito que decidimos acometer facendo o que mellor se nos dá: cantar, tocar e bailar. Así foi que abrimos o Terra de Melide pola sección dedicada ao folclore musical e despois de varios anos de traballo, conseguimos editar un disco conformado por nove pezas, arranxadas e musicadas por Herba Grileira, onde participaron ao redor de sesenta alumnas e alumnos da nosa Escola”.


O acto

A presentación do disco As músicas da Terra de Melide realizarase a través dunha gala, onde o alumnado da escola de Herba Grileira, será o encargado de poñerlle voz, música e rostro a un repertorio variado de músicas entre o que se inclúen romances, alalás, parrafeos, pandeiradas, carballesas, xotas e muiñeiras. Coa intención de trasladar ao público no tempo, os artistas vestirán roupa de época e a gala conterá pasaxes teatralizadas sobre escenas cotiás daquel entón.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

"Queremos que a xente vexa como tocaban, cantaban e bailaban os nosos antepasados a principios do século XX. Para iso intentamos ser fieis á información recollida no libro, aínda que tamén tomamos a liberdade de incluír algunhas pinceladas de interpretación e visión propia”.


A obra

Se houbo unha institución que deixou pegada na cultura galega, esa foi sen dúbida o Seminario de Estudos Galegos. Entre os seus obxectivos estaba realizar un estudo completo de todas e cada unha das comarcas naturais de Galicia, abarcando todos os

aspectos posibles da súa realidade. Dende 1923 ata 1936 realizáronse numerosas “excursións científicas de estudo” pero o froito de todas esas viaxes pola xeografía galega viuse truncado pola Guerra Civil e só tres libros chegaron a ver a luz. Un deles foi o Terra de Melide, no que deixaron a súa firma persoeiros como Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Fermín Bouza Brey, Vicente Risco, Antonio Fraguas ou Ánxel Casal, en cuxos talleres da Editorial Nós viu a luz un 7 de xuño de 1933.


O libro abordou a realidade da Terra de Melide dende diferentes disciplinas do saber (xeografía, historia, etnografía, xenealoxía, folclore, arqueoloxía, literatura oral, música...) e fixo que a comarca fose a máis e mellor estudada de toda Galicia. En 1978 Isaac Díaz Pardo promoveu a reedición do Terra de Melide e máis recentemente, en 2017 e por iniciativa popular, volveuse reimprimir.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page