top of page

Hai tres ofertas para completar as obras de ampliación do saneamento de Santa María de Melide

Contará cun investimento de case 135.000 euros


Laura Moure/Melide

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu tres ofertas de empresas para executar as obras que completarán a ampliación do saneamento na parroquia de Santa María no concello de Melide, que suporán un investimento de preto de 135.000 euros.

A nova actuación obxecto deste contrato céntrase na execución dun novo colector de saneamento que recolla as augas residuais das vivendas de Santa María que aínda carecen deste servizo e as conduza por gravidade para a súa conexión co colector executado a ambas as marxes da estrada nacional N-547. Os traballos teñen un prazo de execución de dous meses.

Esta intervención forma parte do convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello que prevé un investimento de 150.000 euros. Segundo o establecido no convenio, a Xunta achegará ata 120.000 euros para a execución destas obras e o Concello de Melide contribuirá ao financiamento restante.

Augas de Galicia tamén levará a cabo a contratación e execución dos traballos, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, a entidade local asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Esta actuación será cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do programa 2014-2020.

A actuación

Os traballos que se van realizar baixo este contrato consisten na dotación dun colector de saneamento de 417,54 metros de lonxitude para a súa conexión augas abaixo co colector existente. Realizarase unha perforación horizontal dirixida, paralela á N-547, para salvar unha zona moi estreita entre unha vivenda e a estrada nacional, onde o colector se colocará a máis de 6 metros de profundidade.

Completarase a nova rede con 10 pozos de rexistro e reporanse os pavimentos afectados polas obras nas entradas ás vivendas.

As obras completan a rede de saneamento proxectada para dar servizo á poboación da parroquia de Santa María, dando servizo a 206 habitantes no ano horizonte 2040.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Esta intervención súmase á primeira fase xa executada pola Xunta e entregada no ano 2021 ao Concello, coa que se dotou de saneamento as vivendas unifamiliares e edificacións de ambas as marxes da estrada N-547 nesa contorna.

Esas obras supuxeron un investimento superior aos 126.000 euros e centráronse na construción dun sistema de algo máis de 1,4 km de lonxitude que recolle as augas residuais urbanas das vivendas que carecían deste servizo, para ser conducidas ata a rede de saneamento existente na parroquia, e que acaba nun bombeo que impulsa as augas residuais cara á depuradora de Melide.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento, de competencia municipal.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page