O investimento rolda os 295.000 euros e fináncianse ao abeiro do Plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais
Laura Moure/Monterroso
A Xunta vén de recibir 5 ofertas de empresas para acometer as obras de rehabilitación da área recreativa da Peneda, que suporán un investimento en torno aos 295.000€. A actuación enmárcase no Plan Hurbe, promovido polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, e neste caso o obxectivo é mellorar as condicións de confort dos usuarios da área recreativa, así como as súas condicións de funcionalidade e integración paisaxística. En concreto, están enfocadas a mellorar a accesibilidade do recinto e da envolvente térmica do espazo de cafetería.

Porase en valor esta emblemática área de lecer con piscinas ao carón do río Ulla, que serve de lugar de esparexemento da veciñanza e tamén dos visitantes que pasan por este concello, un dos lugares polos que discorre o Camiño Francés a Santiago. A previsión é que as obras poidan estar rematadas para maio de 2025.
O Goberno galego cofinanciará nun 70% as actuacións previstas, achegando un investimento que supera os 206.000 euros, ademais de contratar e executar as obras. O Concello de Monterroso achegará o 30% restante do custe das actuacións, algo máis de 88.000 euros e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.
Publicidade
Coas obras previstas, procederase á rehabilitación da cafetería, na que se pretende mellorar a súa envolvente térmica e realizar pequenos axustes na distribución interior, modernizando as instalacións e os acabados. Así mesmo, está proxectada a instalación dunha pérgola e unha pequena construción de uso estacional no espazo anexo á edificación. Tamén se prevé a urbanización dos accesos peonís.
コメント