top of page
Foto del escritorLaura Moure

Gonzalo Navaza, o Motoclub Móvete na Moto e “Nardo Bernabé” álzanse cos premios Lalinenses do Ano

Entregaranse no Concerto de Fin de Ano que terá lugar o venres, 30 de decembro, ás 20 horas no Sala Tuno Valdés


Laura Moure/Lalín

Gonzalo Navaza Blanco; o Motoclub Móvete na Moto e Bernardino Seijas Calviño, “Nardo Bernabé” -a título póstumo-, alzáronse cos premios Lalinenses do Ano 2022, elixidos por un xurado moi plural composto por representantes dos distintos ámbitos nun encontro celebrado onte á noite na Casa Consistorial.

O escritor, filólogo, tradutor e profesor Navaza Blanco foi distinguido co premio Lalinense do Ano na categoría individual polo seu labor no eido da toponimia e da microtoponimia galegas que lle levou a ser nomeado recentemente membro de número da Real Academia Galega co lectura do discurso Nomes de persoa na toponimia de Lalín. Conta cunha destacada traxectoria como especialista en toponimia, campo no que se doutorou en 1998 pola USC: ten numerosos títulos publicados neste eido como Fitotoponimia galega; é parte do proxecto Dicionario de apelidos galegos, membro da Comisión da Toponimia de Galicia e foi socio fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica, entre outros méritos.


O colectivo Motoclub Móvete na Moto obtivo a distinción de Lalinense do Ano na categoría de colectivo polo seu labor como club promotor e organizador do Mundial de Enduro 2022, un dos eventos máis potentes e con maior repercusión deste ano. Coas imaxes deste Mundial Lalín chegou a 51 países, ademais da presenza en múltiples medios de comunicación e redes sociais. Ademais esta competición xerou ao redor de 3,5 millóns de euros de impacto económico e supuxo unha promoción moi importante de Lalín a nivel mundial.


Na categoría de Toda unha vida o premio Lalinense do Ano foi para Bernardino Seijas Calviño (“Nardo Bernabé”) a título póstumo pola divulgación da vida social e económica lalinense, pola súa traxectoria como fotógrafo, polo seu labor social (colaboración con Cáritas e outros colectivos) e como empresario, entre outros merecementos.


O xurado que onte escolleu aos Lalinenses do Ano 2022 estivo presidido pola concelleira de Cultura (con voz, pero sen voto) e conformado por representantes dos medios de comunicación; da AED; do Conservatorio; do tecido asociativo (Asociación Cultural O Naranxo, Casa do Patrón, asociación cultural A Carballeira de Cercio, Aspadeza, Aranes, O Mencer e Recycling); e dos clubs deportivos (Club Ciclista Montes do Deza, Basketdeza, Moteiros do Deza, Motoclub Móvete na Moto, Club Atletismo Deza e Club GTR). Tamén participaron na reunión, con voz pero sen voto, a concelleira de Política Social e tenente alcalde, Paz Pérez, e o edil de Deportes, Avelino Souto.


Os Premios Lalinenses do Ano 2022 serán entregados o 30 de decembro ás 20 horas no Concerto de Fin de Ano que terá lugar na Sala Tuno Valdés.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page