González Casares chama a reforzar a loita contra o cancro “comprometida coa igualdade e a ciencia”
- ecosdacomarca
- 15 feb 2022
- 2 Min. de lectura
O eurodeputado lalinense avoga pola xustiza social ante as desigualdades que se dan no acceso aos tratamentos contra o cancro en Europa
Ecos da Comarca/Xeral
“Esta comisión dedicou meses a afondar no estudo do cancro e hai dous principios
fundamentais: o compromiso coa igualdade e o compromiso coa ciencia”, defendía
esta mañá o eurodeputado socialista, e de Lalín, Nicolás González Casares durante o debate sobre o informe Reforzar Europa na loita contra o cancro.
O parlamentario incitou a seguir traballando para frear o aumento de casos, que poderían incrementarse ata nun 21% “se non facemos nada”. Un labor que, ademais, ten que ter en conta as desigualdades que se producen no acceso aos tratamentos contra o cancro, rexistrándose diferenzas na supervivencia en máis do 25% entre os Estados membro.

“No corazón deste informe late a xustiza social como principio inspirador da loita contra o cancro”, dicía González Casares. Para os socialistas o reforzo desta loita pasa necesariamente pola garantía de plenos dereitos para todas as familias afectadas pola
enfermidade.
“En canto ao tabaco e ao alcol, podemos cambiar partes do informe, pero o que non se cambia nunca é a ciencia que seguirá chamando á porta”, apuntaba o eurodeputado. A
prevención, a detección precoz e a investigación constitúen os tres piares desde os que impulsar e apoiar a ciencia.
Consciente de que “o mellor cancro é aquel que non se ten”, incitou a reforzar os cadros de persoal sanitarios ante o impacto dunha crise sanitaria que está a provocar un forte retraso nos diagnósticos, cuantificándose en ata cen millóns as probas que se deixaron de facer ao longo destes meses marcados pola Covid19.
“Temos que reforzar a loita contra o cancro e dar esperanza ás familias, para eles é esta loita, fagámolo xuntos”, concluíu.
Comments