Galicia, Asturias, Castela e León e Cantabria, que albergan o 98% da poboación de lobo ibérico en España, acadaron a retirada deste documento da orde do día
Ecos da Comarca/Xeral
Galicia, Asturias, Castela e León e Cantabria conseguiron paralizar a aprobación da Estratexia para a convivencia das actividades no medio rural co lobo e a súa conservación, por parte da Comisión Estatal de Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou esta mañá na reunión da Comisión, na que se acordou retirar da orde do día o borrador da estratexia elaborada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Esta decisión chega despois de que o pasado venres as catro rexións solicitaran formalmente ao presidente da Comisión estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade a súa retirada da orde do día, ao considerar que o borrador de Estratexia carecía do mínimo rigor técnico, imprescindible nun documento de tal calado; ao tempo que moitos dos seus contidos parten da premisa dun estatus legal da especie que está actualmente en litixio e tamén de que os ditos contidos poderían vulnerar o réxime competencial autonómico, e polo tanto, resultar eficaces.
A todo isto, ademais hai que engadir o feito de que se construíu sobre unha decisión unilateral adoptada polo Ministerio sen contar co consenso das comunidades autónomas que albergan a especie. Belén do Campo defende que a validez da estratexia “queda en entredito” tendo en conta que se trata dun documento que se elaborou sen o consenso das comunidades lobeiras, que presenta grandes fallos e foi concibido polo Goberno central unicamente como un medio para “instrumentalizar” unha pretendida xestión centralizada da especie por cuestións “meramente ideolóxicas e sen ningún sustento técnico”.
A pesar desta situación, a directora xeral recordou que a Xunta continuará a establecer nos seus orzamentos o crédito necesario para habilitar as ordes de axudas para paliar e compensar os danos que provoca a fauna silvestre na Comunidade.
Por último, outro acordo acadado no seo desta reunión foi a non aprobación da acta da reunión do 4 de febreiro de 2021 da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade, na que se debateu a inclusión do lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Comments