top of page

Frei Lourenzo, convidado de honra no Domingo de Baldreus de Silleda que será o día 19

Os interesados en asistir nesa xornada ao xantar Diantre de grella! teñen ata o día 15 para retirar as entradas


Laura Moure/Silleda

O Domingo de Baldreus, nome co que bautizaron este ano ao Domingo de Entroido en Silleda, contará coa presenza destacada de Frei Lourenzo, chegado directamente a terras de Trasdeza desde o corazón das lendas do Mosteiro de Carboeiro e, tamén hai que dicilo, desde as cabeciñas pensantes de SIC, Iniciativas Culturais, creadoras do evento.

Este frade benedictino sumarase ao pasarrúas dos Baldreus e o Demo de Carboeiro, que terá lugar polas rúas da capital trasdezá o domingo 19 ás 17:30 horas. O pasarrúas contará ademais coa colaboración musical dos integrantes da Banda de Música Municipal de Silleda, que a estas horas están a preparar o seu roteiro de Entroido para acompañaren a tan ilustres figuras silledenses. Todos eles, xunto con todas aquelas máscaras e disfraces que se queiran sumar, incluídos todos os mandileiros que cheguen así vestidos desde o Vermú dos Mandís, percorrerán as rúas de Silleda animando aos veciños da localidade a se sumaren ao Entroido e acompañalos a continuación á carpa que se ubicará na Praza da Feira Vella (Praza Juan Salgueiro) onde proseguirá a festa con música, baile, merencea e antikaraoke.


"Frei Lorenzo é túzaro desapiadado, un medio home incapaz de mirar por máis intereses ca os do seu propio peto; en definitiva un avarento sen límites"

Preguntados sobre frei Lourenzo, os Baldreus dificilmente encontran unha palabra boa sobre el. Defíneno coma un “túzaro desapiadado, un medio home incapaz de mirar por máis intereses ca os do seu propio peto; en definitiva un avarento sen límites, paradoxalmente endemoñado, e máis baldreu que calquera deles”. Pero as guerras fan estranos compañeiros de cama e nas súas loitas co Demo os Baldreus non puideron dar con mellor compañeiro de batallas ca un mal becho coma frei Lourenzo e por iso o convidaron a participar do seu Entroido. Así as cousas, logo de terlle estafado ao Demo a Ponte de Carboeiro, frei Lourenzo chega ao Entroido de Silleda con ánimo de amolar todo o que o corpo lle dea, tanto aos Baldreus, coma aos veciños que atope ao seu paso e ao Demo mesmo. Veremos se o Demo ten algo que dicir ao respecto.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Prezos da comida

Por outra banda, desde a organización do Domingo de Baldreus animan a todos aqueles que se queiran apuntar ao xantar, o Diantre de grella!, o fagan canto antes, xa que o prazo para facelo remata o vindeiro mércores, día 15. Os interesados poden retirar os seus tickets no Bodegón de Esther, Carmiña Moda e Mamasunción, ou ben vía Whatsapp (+ Bizum) nos números de teléfono 604 082 463 e 616 489 757. O prezo do menú é de 22 euros para os adultos, 11,para as crianzas de 5 a 12 anos e de 6 euros para os menores de 5 anos.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page