Destacou isto durante unha visita á empresa palense Campomayor
Laura Moure/Palas de Rei
O conselleiro de Industria e Vicepresidente, Francisco Conde, visitou este venres a empresa Campomayor, en Palas de Rei, onde resaltou este Concello lucense como un dos que máis apoia o medio rural e xera actuacións que diversifican a súa economía. Granjas Campomayor, factura 19.000.000 euros anuais e xera 90 empregos directos, tal e como sinala o Concello.
O alcalde, Pablo Taboada, presente na visita, "destacou a traxectoria desta empresa ao longo dos anos, pasando de ser un negocio familiar en 1942 a converterse, na actualidade, nunha das maiores comercializadoras de ovo en España". Loa o traballo interxeracional da familia García ao seu fronte e os retos que tiveron que superar por adaptarse aos tempos, coa automatización progresiva dos diferentes procesos, a incorporación de novos avances tecnolóxicos e a aposta decidida pola calidade e a innovación que a acabaron convertendo nun referente a nivel nacional e distinguida con numerosos premios e recoñecementos.
"A súa aposta polo emprego no rural axuda, ano tras ano, a situar o Producto Interior Bruto(PIB) do municipio en niveis que superan a media provincial e destacan a Palas de Rei entre os Concellos de Galicia con maior PIB por habitante. Falar de Granjas Campomayor é falar dun exemplo de empresa punteira, xeradora de riqueza e emprego no rural", sinala o mandatario. Ademais, o alcalde aproveitou para demandar, "dunha vez por todas que ó Goberno Central aporte a Altri os fondos que lle corresponden para actuar en Palas de Rei".
Comments