“Está claro que Lalín perde oportunidades co PP e isto ten que cambiar, pois se fosen subvencións para festas e orquestras seguro que Crespo se preocuparía un pouco máis” sentencia
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, asegura que o Partido Popular "vén de cometer un dos maiores escándalos económicos da historia de Lalín ao perder os 1,13 millóns de euros do Goberno de España para arranxar a parte baixa da praza da abastos". Sinala que o Ministerio de Vivenda vén de abrir o prazo para que os concellos soliciten prórrogas no caso de non dar rematado a tempo as actuacións no prazo outorgado inicialmente ao abeiro do programa PIREP. Non obstante, "Lalín renunciou oficialmente á axuda con anterioridade, motivo polo que estes fondos están perdidos e non se poderán acoller á prórroga".

Así mesmo, explica que "esta renuncia xerou uns intereses de case 60.000 euros que sairán do peto de todos os lalinense". Forno lembra que a única escusa do goberno de Crespo para xustificar a perda de máis dun millón de euros que lle correspondían a Lalín foi a imposibilidade de executar a obra en prazo. “Non obstante, agora o prazo amplíase pero os cartos xa están perdidos”. “Tiveron máis de dous anos para poñer a andar a obra e non fixeron nada, xa non teñen escusa nin xustificación, perderon unha axuda millonaria para un proxecto chamado a revitalizar o noso comercio por pura incompetencia”, asegura.
Publicidade
Para a voceira socialista o desprezo de centos de miles de euros só ten unha explicación: “Estas subvencións ían destinadas ao comercio, un sector que permanece completamente abandonado polo PP. Se fosen subvencións para festas e orquestras seguro que Crespo se preocuparía un pouco máis”. “Volvemos perder diñeiro por unha mala xestión do alcalde e do seu equipo de concelleiros e asesores, que non planifican, improvisan e carecen da capacidade que debe ter un xestor público para dar prioridade aos proxectos”, censurou.
Publicidade
“Está claro que Lalín perde oportunidades co PP e isto ten que cambiar”, sentenciou.
Comments