Forno reclama un servizo municipal de asesoramento para migrantes ante o proceso de regularización
- ecosdacomarca

- 17 abr
- 2 min de lectura
Sinala que Lalín conta cunha importante presenza de poboación migrante, especialmente venezolana, que precisa acompañamento neste proceso
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira municipal do PSdeG-PSOE, Alba Forno, reclamou a posta en marcha dun servizo municipal de asesoramento dirixido ás persoas migrantes de Lalín ante o proceso de regularización extraordinaria impulsado polo Goberno. Forno sinala que se trata dun procedemento “que pode ser complexo”, e que require información clara e apoio técnico para poder tramitar correctamente as solicitudes. “Estamos ante unha oportunidade moi importante para moitas persoas que xa viven e traballan en Lalín, pero tamén ante un proceso que pode xerar dúbidas e incerteza e o Concello non pode quedar á marxe”, afirma.

Neste sentido, defende que a administración local debe ofrecer un servizo de acompañamento que inclúa orientación personalizada, apoio na preparación da documentación e información práctica sobre os trámites a realizar.
A voceira municipal lembrou que Lalín conta cunha presenza moi significativa de poboación migrante, cun peso importante de persoas procedentes, por exemplo, de Venezuela, entre outros países, que forman parte activa da vida económica e social do municipio. “Falamos de persoas que veñen a contribuír e a manter sectores fundamentais como o agrario, os servizos ou os coidados e que nos axudan a manter a porboación”, explica.
PUBLICIDADE
Neste contexto, considera que a regularización terá un impacto moi positivo para Lalín, ao permitir dar estabilidade a estas persoas e reforzar ámbitos nos que existe unha necesidade real de man de obra. “É unha medida de xustiza, pero tamén unha oportunidade para o noso concello”, engade.
Forno lamentou a postura do PP, ao opoñerse a unha medida que conta co apoio da Igrexa ou o tecido empresarial. “Ao final estamos falando de persoas que xa viven aquí e que forman parte da nosa sociedade. O que non se pode facer é xerar confusión ou alimentar discursos que mesturan migración e inseguridade, porque iso non responde á realidade de Lalín nin axuda á convivencia”, sinala.
PUBLICIDADE
O proceso de regularización poderá realizarse preferentemente por vía telemática a través da web habilitada polo Ministerio e tamén de forma presencial mediante cita previa. As solicitudes poderán presentarse directamente polas persoas interesadas, ou coa axuda de profesionais e entidades colaboradoras.
Recoméndase evitar desprazamentos sen cita e agardar a recibir a información e orientación necesarias para realizar correctamente os trámites.








Comentarios