Forno reclama ao Concello medidas para mobilizar vivenda en Lalín e facilitar a chegada de traballadores
A candidata socialista trasladou á nova directiva de AEDeza o Plan Aluga Lalín e abordou tamén a ampliación de Lalín 2000, a seguridade, a formación e unha mobilidade máis amable para as persoas e o comercio
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira e candidata socialista á Alcaldía de Lalín, Alba Forno, reclamou ao Concello que poña en marcha medidas propias para aumentar con urxencia a oferta de vivenda dispoñible no municipio e facilitar a chegada dos traballadores que necesita o tecido empresarial así como que que as persoas que xa traballan en Lalín poidan tamén vivir aquí.
Forno considera que as vivendas públicas anunciadas pola Xunta de Galicia nos últimos meses seguen sendo “claramente insuficientes” ante unha demanda que supera as 80 familias inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda e a escasa oferta en alugueiro que hai na vila. A candidata advertiu ademais de que estas promocións aínda teñen por diante os procesos de proxecto e construción antes de poder dar resposta efectiva ás necesidades de vivenda “polo que chegarán tarde”.
“Necesitamos máis vivenda pública, pero necesitamos tamén solucións agora e solucións que partan de Lalín. Non podemos esperar exclusivamente a que se constrúan novas promocións mentres temos persoas que queren vivir e traballar aquí e non atopan unha vivenda”, sinalou Forno.

Así o trasladou durante unha reunión coa nova directiva da Asociación de Empresarios do Deza (AEDeza), encabezada polo seu presidente, Ramiro Mejuto, na que presentou o Plan Lalín Aluga, a proposta para mobilizar vivendas baleiras, ofrecer garantías aos propietarios e favorecer que máis pisos saian ao mercado do alugueiro.
“Non podemos falar de atraer empresas e traballadores se despois esas persoas non atopan onde vivir. O Concello ten ferramentas e ten que utilizalas”, insistiu Forno. A proposta foi abordada coa directiva de AEDeza como unha posible ferramenta para facilitar a chegada e fixación de traballadores no municipio.
A candidata vinculou esta cuestión con QUEDAR, un dos tres eixos do proxecto Vivir · Quedar · Coidar: crear as condicións para que quen queira desenvolver o seu proxecto de vida en Lalín poida facelo.
PUBLICIDADE
Solo empresarial, seguridade e mobilidade
A reunión serviu tamén para abordar outros asuntos relacionados coa actividade económica. Forno reclamou avanzar na cuarta fase da ampliación do Polígono Lalín
2000 e que a distribución das futuras parcelas se adapte ás necesidades das empresas interesadas en instalarse no municipio. “Se queremos atraer novas empresas e actividade económica, temos que dispoñer de solo empresarial preparado e adaptado ás necesidades reais das empresas”, explicou Forno, ademais de poñer foco tamén na importancia dun convenio coa Zona Franca para así impulsar unha plataforma loxística en Lalín.
Tamén se abordou a percepción de inseguridade nalgunhas zonas e o seu impacto no comercio, na hostalería e no ocio nocturno, así como a necesidade de conectar mellor a formación coas demandas reais das empresas.
PUBLICIDADE
O encontro forma parte da rolda de reunións que Alba Forno está mantendo co tecido social, económico, cultural e deportivo de Lalín para coñecer de primeira man as súas necesidades e incorporar propostas ao proxecto municipal que está construíndo.
Forno pechou o encontro felicitando a nova directiva de AEDeza, desexándolle éxito nesta nova etapa e trasladándolle a vontade de manter unha interlocución permanente coa asociación e co tecido empresarial de Lalín. Ademais, puxo de manifesto a súa labor durante todo o ano, para á que precisan máis apoio de todas as administracións.









Comentarios