A voceira socialista de Lalín considera “irresponsable que o concelleiro semente desinformación sobre unha cuestión que nos afecta a todos e todas ao tratarse de prevención sanitaria”
Ecos da Comarca/Melide
A voceira municipal do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, acusou ao concelleiro Avelino Souto, de estar “instalado na confrontación permanente contra o goberno central da que a veciñanza está aburrida” e acúsao de “irresponsabilidade” por “confundir á cidadanía” no proceso de rexistro dos galiñeiros. “Oxalá dedicase o mesmo esforzo a asesorar á xente sobre esta cuestión que o que dedica a xerar polémicas artificiais e a manipular”, sinalou a concelleira.
Forno lembra que a necesidade de rexistrar os currais se leva a cabo por unha cuestión sanitaria, ante os riscos sanitarios por enfermidades das aves nas que se fai necesario o seu control. “Pedir que non se rexistrenos currais expoñendo como único argumento a carga burocrática do proceso e sabendo que a gripe aviar é o principal risco de zoonose en España é unha insensatez por parte do PP”, insiste.
Publicidade
Fronte a "desinformación de Souto", a voceira socialista lembra que "é un trámite de balde, moi sinxelo, cuxa finalidade simplemente é saber que un curral existe e que os profesionais da sanidade animal e mesmo as organizacións agrarias apoian por tratarse dunha cuestión de prevención sanitaria que nos afecta a todos e todas”. Ademais, “trátase dunha xestión que se pode realizar desde hai tres anos, pero a Xunta non fixo os deberes e agora prefire atacar ao goberno que facer o seu traballo”.
Sinala que a problemática se produce unicamente en Galicia “pola chapuza da Xunta” pois en comunidades como Asturias e Castela e León a aplicación do Real Decreto é máis laxa. “Avelino Souto debería mirar para as administracións que o propio PP goberna, antes ca culpar a outros como sempre fai”, engade.
Publicidade
Alba Forno recoñece que a xente maior, por descoñecemento, pode ter reticencias ou pequenos contratempos á hora de realizar o rexistro, por iso reclámalle a Souto que “como xa se fai en moitos concellos rurais, se poña en marcha en Lalín un servizo de asesoramento á veciñanza”. “A súa moción é papel mollado que só provoca alarma e ruído, o que quere a xente dos políticos é traballo e axuda, por iso reclamámoslle sensatez, que se poña as pilas para asesorar aos nosos veciños e veciñas e que abandone as liortas que non conducen a ningures”, conclúe.
Comments